miércoles, 24 de diciembre de 2014

A CIG valora o anuncio de Alcoa de retirar o ERE pero advirte que non haberá garantías de futuro até mudar o actual sistema tarifario



A Coruña, a 23 de decembro de 2014

A Sección Sindical da CIG en Alcoa Inespal valora moi positivamente o anuncio feito esta mesma tarde pola multinacional do aluminio de que retirará o ERE de extinción para a fábrica da Coruña, tras o resultado da segunda poxa da interrumpibilidade. Con esta decisión, engaden, garántese que a fábrica continúe aberta durante o 2015 e que se manteñan os 400 postos de traballo.

A empresa, segundo informou nesa reunión co Comité, comunicará a retirada do expediente ao Ministerio de Traballo, en canto a CNMV emita o ditame pertinente que confirma a validez da poxa. Unha resolución que se agarda estea nun par de días.

Porén, dende a representación da CIG poñen o punto de atención tamén sobre as consecuencias que o novo sistema de adxudicación terá nas condicións laborais, xa que dende a dirección se informou que o prezo acadado deixa as fábricas nunha “situación peor” polo que nun futuro non se descarta que a empresa pretenda tocar o convenio e aplicar un “aforro” de custes pola vía do recorte salarial. Tal e como xa aconteceu hai un ano.

En todo caso, dende a Sección Sindical advirten que o problema para a fábrica da Coruña, e por extensión para todas as factorías de Alcoa, non está resolto en tanto non se modifique o sistema de adxudicación da interrumpibilidade e todo o sistema tarifario. Pois, advirten, ao adxudicarse a interrumpibilidade de xeito anual, a empresa atoparase co mesmo problema do custe da enerxía o vindeiro ano.

Por iso, reclaman apertura dun debate social e político sobre a necesidade de contarmos cunha tarifa eléctrica galega que nos permita ter un prezo da enerxía máis baixo e que garanta a continuidade da actividade e dos empregos da nosa industria pesada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario