miércoles, 17 de diciembre de 2014

A CIG promove concentracións o xoves 18 de decembro nas empresas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega



A central sindical defende a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata 
A CIG ten convocadas para este xoves, 18 de decembro, concentracións nas industrias galegas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega que favoreza a continuidade do tecido industrial e o mantemento dos miles de empregos que xera. Unha reivindicación que a central nacionalista leva tempo defendendo e que hoxe está de primeirísima actualidade tras dos resultados das poxa de interrrumpibilidade, que algunhas destas empresas están a utilizar como escusa para xustificar a aplicación de EREs, modificacións das condicións laborais e mesmo peches de fábricas.

As concentracións realizaranse coincidindo cos cambios de quendas nos seguintes horarios e fábricas:

  • Ferroátlantica (Sabón e Cee): ás 13:45 horas.
  • Celsa Atlantic (A Laracha):  a partir das 13 horas.
  • Alcoa (A Coruña e San Cibrao): a partir das 13 horas.
  • SGL Carbón (A Coruña): súmase á protesta de Alcoa Inespal.
  • Megasa (Narón): ás 13 horas.

Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña que a CIG vén de pór en marcha para levar ao debate político e social a necesidade de contar cunha Tarifa Eléctrica Galega que nos permita obter unha enerxía máis barata. Por iso, alén das concentracións nas empresas que máis directamente afectadas poidan estar polo prezo da enerxía, a central sindical tamén promoverá posicionamentos das Corporacións locais e mobilizacións nos Concellos onde se asentan estas fábricas. Así, xa está acordada unha primeira xornada de concentracións para o día 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante dos concellos nos que están as fábricas mencionadas.

A reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega xa estaba presente na ILP de 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que a central nacionalista defendeu no Parlamento en abril deste ano, e a través da que se propoñía unha rebaixa nas peaxes do 30%. Unha iniciativa lexislativa popular que, hai que subliñar, foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Cómpre lembrar que a tarifa eléctrica soporta unha cantidade de extracustes que Galiza tamén ten que abonar, aínda sendo produtora e excedentaria de enerxía ano tras ano. É dicir, pagamos os custes da extrapeninsulariedade ou do  transporte, como calquera outro territorio non produtor, mais non obtemos ningún beneficio ou contraprestación. Somos solidarios no mantemento do sistema e a maiores cargamos con todo o custe social e medioambiental que deriva da especialización forzada que dende o estado se deseñou neste sector.

A demanda da CIG non é unha entelequia se hai vontade política. E así o demostra o pacto ao que chegou o PNV co goberno español para realizar unha modificación na definición da alta tensión, que podería supor unha rebaixa das peaxes do 50% en dous anos.



Por iso, a CIG demanda a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata para o consumo doméstico, par defender a nosa cativa industria, para favorecer os nosos sectores produtivos básicos e porque non podemos consentir que se esquilmen os nosos recursos naturais, se leven os beneficios lonxe de Galiza e, ao tempo, se poñan impedimentos á nosa capacidade de producir. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario