lunes, 26 de enero de 2015

Permisos Retribuídos: Artg. 24 C.C: enfermidade Grave (internamento hospitalario)

Poñemos en coñecemento de todos os traballadores e traballadoras o abuso que os departamentos e a dirección ante a alarmante falta de persoal están a facer na denegación dos permisos por ingreso hospitalario dun familiar, aplicando criterios que non están suxeitos a dereito facendo unha incorrecta interpretación do noso convenio colectivo.
O pretexto máis empregado para denegar este permiso é que teñen que ser os dous primeiros días consecutivos do feito causante (data de ingreso) se non é así os perdes ,algo que non di o noso convenio que pon literalmente:


"Que si o permiso afecta a dous ou mais familiares poderá collerse de forma consecutiva mentres dure a hospitalización sendo o primeiro permiso coincidente ca data de inicio do feito causante".

Pero cando o permiso afecta a unha soa persoa pon:

"Concederase precisamente coincidindo co feito causante e  por necesidade de asistencia"

O feito causante e a hospitalización, polo que poden collerse mentres dure a mesma,xa que non pode facerse una interpretación da norma contraria a os dereitos dos traballadores fixando un criterio carente de toda lóxica e que é
 contrario o E.T que no seu artigo 37.3 , non establece esta esixencia,polo que non se pode impoñer un requisito que o propio precepto non prevé ,ademais a situación de necesidade que fundamenta o establecemento de ese permiso no convenio colectivo (coidar ou acompañar a un familiar hospitalizado), subsiste o longo de todo o período de duración da hospitalización, o que xustificaría que se puidese gozar do permiso durante todo o lapso temporal no que se prolonga o internamento no centro hospitalario,non só nos dous primeiros días.

Dende a Sección Sindical CIG queremos transmitir que o que está a dicir a dirección é rotundamente falso, si se solicita un permiso retribuído como consecuencia da hospitalización dun familiar, o que non ten razón de ser é que o devandito permiso teña que gozarse necesariamente durante os primeiros días do ingreso hospitalario e non despois mentres o ingreso perdura ,máxime cando ese dereito ó permiso retribuído por hospitalización, ten a sua orixe nunha situación de necesidade, e a devandita situación subsiste durante todo o tempo en que a hospitalización se mantén, o que xustificaría que se poida gozar do permiso durante o lapso temporal en que se prolongue doenza ou o internamento no centro Hospitalario. Polo tanto, non sería esixible que tivese que gozarse nos primeiros días do referido ingreso. Existe unha interminable xurisprudencia onde se recoñece este feito, que foi resolto nos tribunais superiores de xustiza.
Ante calquera dúbida podes poñelo en coñecemento dos nosos delegados, NON RENUNCIES AOS TEUS DEREITOS.

martes, 20 de enero de 2015

XORNADA ABERTA- Fronte ao espolio eléctrico, soberanía para Galiza. Por unha tarifa eléctrica galega


PROGRAMA:

1.- O SISTEMA ELÉCTRICO: ALTERNATIVAS DESDE GALIZA (de 10h. a 11h.)
  • Aleixo Vilas, coordinador grupo de traballo de enerxía do BNG
  • Fernando Branco, secretario de enerxía da federación de industria da CIG
2.- POR UNHA ENERXÍA DEMOCRÁTICA (de 11h. a 12:15h.)
Presentación a cargo de Generosa Gey Piñeiro (A Nosa Enerxía)

  • Alternativas ante o recibo da luz. Xosé Manuel Golpe (consultor enerxético)
  • Autoconsumo, a alternativa freada. Oscar Nogueria (AGAEN)
  • Experiencias de cooperativismo. Pablo Álvarez (A Nosa Enerxía)
3.- GALIZA PRODUCE, QUEN SE BENEFICIA? (de 12:45h. a 13:45h.)
  • Carme Adán, deputada do BNG
  • Xavier Vence, portavoz nacional do BNG 
 INSCRICIÓNS: Podes inscribirte utilizando a seguinte ligazón. Após as xornadas haberá un xantar de confraternidade (15€/persoa). Se estás interesada/o indícao no formulario de inscrición. Grazas!

Concentración diante da Delegación do Goberno


miércoles, 14 de enero de 2015

Actas Despido Colectivo 2014

Estas son as actas firmadas con acordo de tódalas partes que hai,as que faltan as iremos poñendo nesta entrada a medida que se vaian firmando,si é que se chega a un acordo para a súa firma.(Facede dobre click na imaxe para ampliar).

Acta reunión do 15 decembro:










 Acta Reunión 23 de Decembro:





sábado, 10 de enero de 2015

TARIFA ELÉCTRICA GALEGA.Unha necesidade urxente para a nosa industria


En datas recentes vénse de celebrar a poxa que regula o novo sistema de adxudicación da interrumpibilidade; esta modalidade, como era de prever,está xerando moitas dificultades nas empresas con grades consumos eléctricos, como as situadas en Galiza: Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Celsa e SLG Carbón.
A filosofía deste procedemento, claramente neoliberal, parte de considerar a enerxía como un ben calquera, suxeito simplemente ás leis da oferta e a demanda, porén, esquécese intencionadamente que a tarifa eléctrica do Estado está chea de peaxes por decisións políticas: Prima de capacidade, axuda ao carbón español, moratoria nuclear, custes extrapeninsulares,primas renovábeis, etc., ademais a retribución ás empresas produtoras faisepagando sempre co valor da tecnoloxía máis cara en cada banda horaria,polo que determinadas tecnoloxías teñen uns superbeneficios sen ningunha relación cos seus custes de produción.

Para nós a electricidade non é un ben de consumo calquera, é un ben básico, ademais fundamental para a industrialización dun país e, no caso do Estado Español, ten uns prezos altos –comparativamente con resto de Europa- por decisións políticas. Asemade, a tarifa eléctrica ten compoñentes de solidariedade interterritorial, como é no caso extrapeninsular e os custes de transporte –as perdas entres centros de produción e consumo-, mais intencionadamente non recolle os custes que, no caso de Galiza, se soportan polo exceso de xeración eléctrica, custes sociais e medioambientais, cando esta realidade tamén debería ter un reflexo na tarifa eléctrica cunha rebaixa nas peaxes para as nacións –caso da galega- que son historicamente excedentarias.

Sería un despropósito que algunha industria radicada en Galiza pechase, ou se vise afectada negativamente, polos altos prezos da electricidade cando somos un país que exporta enerxía sen acadar por iso ningún beneficio.
E no caso actual do novo sistema de interrumpibilidade danse varias situacións que poden ser perversas para a nosa industria; en primeiro lugar, a falta duns prezos de referencias coñecidos no tempo, o feito de ir a unha poxa anual –unha sorte de ruleta rusa- vai poñer moi en cuestións os necesarios investimentos para as modernizacións destas instalacións e, en segundo lugar, ao ser unha poxa a cegas, onde non se coñecen os prezos acadados por outros posíbeis competidores, vai xerar que empresas do mesmo sector produtivo teñan prezos diferentes de electricidade.
Por todo isto, demandamos a retirada deste sistema de poxa anual para a adxudicación da interrumpibilidade, temporalmente volver ao sistema anterior, é dicir, establecer un prezo por consumo, e todas as empresas que estean interesadas e cumpran os requisitos técnicos poder ser consumidores; mais tamén, demandamos unha reformulación de todo o
sistema eléctrico, que admita tarifas máis baixas ás Comunidades netamente produtoras, que limpe a tarifa eléctrica de retribucións que deberían estar soportadas polos Orzamentos do Estado e que mude o sistema de pago ás empresas de xeración por un modelo de retribución de custes segundo a tecnoloxía empregada.

Galiza excedentaria
O noso País é, ano tras ano, excedente na xeración de electricidade; esta situación débese á especialización forzada que, dende o Estado, se deseñou neste sector, primeiro foi con centrais hidráulicas, logo cunha intensa explotación de lignito pardo para queimar en centrais térmicas e, por último, no aproveitamento do vento para o sector eólico, mais tamén coa construción de centrais de gas, de biomasa e doutras tecnoloxías renovábeis.
Todo un amplo abano de sistemas de produción eléctrica que, efectivamente, nos permiten seren excedentarios, mais sen ningunha contraprestación nin repercusión positiva en Galiza que, por unha banda, ve como padece as consecuencias medioambientais e de uso do territorio(asolagamento de vales, expropiacións, etc.) e, pola outra, é solidaria no mantemento do sistema eléctrico pagado extracustes do propio sistema como son o transporte e a extrapeninsularidade; é dicir, nós aportamos moito máis do que o sistema nos devolve.
Interrumpibilidade
Aínda por riba, temos que ver agora como na implantación do sistema de poxa na adxudicación da interumpibilidade ponse en risco o futuro dunha parte significativa da nosa industria.
Estes sistema de poxas substitúe á antiga tarifa G-4 para grandes consumidores e, posteriormente, á concesión do dereito de interrumpibilidade a aquelas industrias que cumprían uns determinados requisitos.
Dende este ano faise unha poxa, por un ano de duración, o que ademais de abrir as portas á competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, xera unha enorme incerteza para a sempre necesaria modernización de factorías, que conleva grades investimentos.
Industrias deste tipo non poden estar ano a ano cuestionándose cal vai ser o prezo futuro da enerxía, precisan dun horizonte de estabilidade nos prezos da electricidade, algo que o actual sistema négalles.
Euskadi
Calquera país considera o sector eléctrico como estratéxico, por iso existen diferentes iniciativas, dentro do Estado, para conseguir prezos máis baixos, unha delas en Euskadi, onde o PNV pactou co Goberno Central o seu apoio á última Lei do Sector Eléctrico (Lei 24/2013), a cambio de que se realizase unha modificación na definición de alta tensión.
Na actualidade, entre 36 kV e 220 kV considérase alta tensión, entre 1 kV e 36 kV media tensión e, por debaixo, de 1 kV baixa tensión.
O cambio solicitado consiste en considerar alta tensión as redes de máis de 30 kV, con esta modificación técnica se beneficiarían dunhas peaxes máis baixas a maioría das empresas bascas que teñen unha potencia contratada de 33 kV.
Este é un caso singular, pois a rede de 33 kV circunscríbese practicamente a Euskadi.
Esta modificación, que segundo o propio PNV, podería supor unha rebaixa das peaxes do 50% en dous anos, vén de ser proposta polo Goberno Central ao organismo regulador, para a súa validación, o pasado 3 de setembro.
Catalunya
No proceso de soberanía política encetado en Catalunya elaborouse o Libro Branco sobre a Transición Nacional, no que existe un apartado concreto sobre o sector enerxético.
Neste texto arguméntase a súa capacidade produtiva de enerxía eléctrica, na que tamén son excedentarios –aínda que en moita menor medida que Galiza-, e considerase fundamental dispor de competencias exclusivas en materia retributiva e de planificación de infraestruturas, así como a realización dunha auditoría integral de cada sistema enerxético para optimizar o seu funcionamento e establecer un sistema de regulación de retribucións fundamentado nos custes reais de produción.
Nese mesmo Libro Branco, calculan que a Catalunya lle costa un mínimo duns 934 millóns de euros/ano o mantemento do sistema eléctrico español, e que, de ter competencias propias, poderían subministrar enerxía a uns prezos un 30% inferiores aos do Estado.
Galiza
Vemos con diferentes formulacións, mais cun mesmo obxectivo, como outras nacións do Estado buscan formulas para abaratar o prezo da electricidade; tamén en Galiza, a propia CIG presentou unha ILP no Parlamento Galego onde propuña unha rebaixa nas peaxes do 30%, como é coñecido esta ILP foi rexeitada polo PP.
Nós, ademais de seren excedentarios, sufragamos, como dicíamos ao principio, a parte que nos corresponde dos extracustes dos sistemas extrapeninsulares, calculados no ano 2013 en 1.800 millóns de euros, tamén as primas ao carbón español, uns 500 millóns de euros, a moratoria nuclear, as perdas por transporte, etc.; é dicir, somos abertamente solidarios/as, porén, vemos agora como o propio sistema e a nova regulación da interrumpibilidade poñen en perigo a nosa industria.
Por iso, dende a CIG demandamos a apertura dun debate político e social sobre a necesidade e a urxencia de termos unha enerxía máis barata.
Unha enerxía máis barata para o consumo doméstico, para atender as necesidades do noso pobo que ten as pensións e os salarios entre os máis baixos do Estado.
Unha enerxía máis barata para defender a nosa cativa industria e, tamén, para favorecer aos sectores produtivos básicos.
Unha enerxía máis barata por que é de xustiza, non poden esquilmar os nosos recursos naturais, levar os beneficios lonxe do País e, por outra banda, por impedimentos á nosa capacidade de producir.