miércoles, 29 de febrero de 2012

Unha tarde no Parlamento


Fotos de Juan Luis Rúa Prieto.


En primeiro lugar queremos agradecerlle ao grupo parlamentar do BNG, e en particular ao deputado do Parlamento de Galiza polo BNG Henrique Vieitez que nos fixo de anfitrión, a súa invitación para asistir ao pleno parlamentario do día de hoxe, no que o BNG formulaba unha pregunta ao goberno sobre que accións ten desenrolado e cales vai levar a cabo na defensa dos postos de traballo de Alcoa e a continuidade desta actividade industrial no noso país.

Salientou Vieitez na súa intervención que a verdadeira intención que Alcoa esconde tras do ERE é a deslocalización da produción das factorías do noso país e tamén da factoría asturiana cara a países con mellores condicións para a transnacional como Arabia Saudita. Tamén deixou claro que as razóns aducidas pola compañía para xustificar o expediente non se sosteñen e a empresa non ten aclarado como é debido as contas que presentou co ERE. Basta con mencionar que a empresa pretende a aprobación da regulación, entre outras causas, en base a un cálculo de previsión de perdas feito cun prezo do LME de 1975 $/Tn, e no que levamos de ano non baixou de 2200$/Tn (hoxe cotizaba 2308 $/Tn)

Encargouse da resposta o conselleiro de industria, Javier Guerra, que defendeu a acción do goberno, e en particular do Presidente da Xunta, dicindo que se non fose pola súa posición de dureza con Alcoa xa terían pechado as fábricas españolas, incluída a de San Cibrao. Tamén lle espetou que o ERE non era tan malo e recordou que fora aceptado polos traballadores.

Presuncións aparte esperamos que no futuro non teñamos que recordarlle a este goberno as verbas pronunciadas no día de hoxe. Esperamos polo ben de todos estarmos errados nas nosas análises, pero non podemos deixar de pensar que o manifestado hoxe polo BNG, que nós ratificamos, supoñen unha máis que probable realidade.

Agradecemos tamén o interese e a boa disposición de todos os compañeiros que nos acompañaron nesta tarde parlamentaria e esperamos que a experiencia fora clarificadora para todos eles.

viernes, 24 de febrero de 2012

Nota de prensa do BNG

O BNG URXE DA XUNTA QUE ACTÚE PERANTE O ANUNCIO DE ALCOA DE RECORTAR A SÚA ACTIVIDADE EN GALIZA
Henrique Viéitez advirte de que esta decisión agocha o obxectivo de deslocalizar toda a produción a Arabia Saudí

Henrique Viéitez
Santiago de Compostela, 24 Febreiro .- O deputado do G.P do BNG Henrique Viéitez advertiu hoxe ao goberno da Xunta de que ten que actuar para salvagardar a produción de Alcoa en Galiza e o seu emprego nas condicións actuais, pois asegurou que os plans da empresa van máis alá dunha redución temporal, teñen como obxectivo final a deslocalización.
Viéitez, durante o debate en comisión dunha pregunta do BNG sobre os recortes da produción previstos na Coruña e que, segundo os datos que manexa o deputado, tamén poderían afectar a San Cibrao, lembrou que a dirección de Alcoa xa comezou a dita deslocalización en 2009, desviando parte da produción das súas plantas (6 no conxunto do Estado) a Islandia.
Para o parlamentario, este feito sumado ás previsións de pór en marcha unha megafactoría en Arabia Saudí en 2013, que produciría 750 mil toneladas de aluminio ao ano, absorbendo o que hoxe deixan de producir as fábricas pechadas e a redución das fábricas galegas, fai “que non se poida mirar para outro lado e se actúe para evitar a incidencia no emprego”.
Víeitez acusou ao director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, de demostrar que está máis do lado da empresa que dos traballadores e aseguroulle que o ERE previsto non é temporal –como sostivo o director xeral- senón que só é un primeiro paso que agocha unha “medida máis gorda”, como a deslocalización.
Asemade, recriminoulle que se os empregados de Alcoa asumiron as condicións da empresa é “por medo”, debido ao actual contexto da reforma laboral e a indefensión na que deixa aos traballadores.
O deputado nacionalista concluíu asegurando que o encarecemento da enerxía, o incremento dos custes das materias primas e a caída do prezo do aluminio é tan só a escusa para xustificar a redución de produción e, por tanto, de emprego pero non se corresponde exactamente coa realidade.

lunes, 20 de febrero de 2012

Alcoa, un ERE inxustificable.

Desde esta sección sindical queremos denunciar as seguintes irregularidades na presentación do ERE que nos fan pensar que este ERE e totalmente inxustificable ,en primeiro lugar a empresa non presenta contas consolidadas[1] do grupo, cando é evidente que se cumpren os requisitos que establece no artigo 6 do R.D. 801/2011, pois:
a) ALCOA INESPAL pertence a un grupo consolidábel cuxa sociedade dominante no estado español é ALCOA INVERSIONES ESPAÑA S.L. (tal e como se deduce, entre outros, da nota 1 da memoria das contas anuais do exercicio 2010).
b) No grupo existen empresas que se dedican ao mesmo sector de actividade que ALCOA INESPAL.
c) ALCOA INESPAL mantén saldos e transaccións con sociedades dese grupo (sen ir máis lonxe, segundo as contas provisionais de 2011, nese exercicio tería ingresado unha significativa cantidade cercana aos 400 Millóns de euros por participacións en empresas do grupo e asociadas).
Ademais, non é posíbel obter estas contas consolidadas por outras vías, pois tanto ALCOA INESPAL S.A. como ALCOA INVERSIONES ESPAÑA S.L. veñen incumprindo de xeito sistemático a obriga legal de depositar as contas anuais no rexistro mercantil.
Tampouco se facilitan as contas provisionais á presentación da solicitude do expediente, asinadas polos administradores ou representantes da empresa solicitante. O documento con datos provisionais de 2011 e xaneiro de 2012 que nos entregan consiste apenas nunha conta de resultados, non incluíndo o resto dos estados contábeis esixíbeis (balance, estado de cambios no patrimonio neto, estado de fluxos de efectivo, memoria). Só a suma de todos eses estados contábeis pode ter a consideración de contas da empresa (o art. 254 da Lei de Sociedades de Capital afirma rotundamente que tales documentos forman “unha unidade”). Que o R.D. 801-2011 fale de contas “provisionais” non significa que estas poidan ser “incompletas”.
Causas
Por outra banda, a documentación facilitada non permite chegar, en absoluto, á conclusión de que concorren causas obxectivas suficientes para acometer unha regulación de emprego como a que se propón. Nin se demostra a súa necesidade nin se demostra a súa proporcionalidade nin se demostra a súa razoabilidade. Como se verá, entre outras cousas, non se acredita a que existan perdas ou diminución de ingresos “que poidan afectar á súa viabilidade ou capacidade de manter o volume de emprego” (causas económicas) nin tampouco a existencia de “cambios, entre outros, na demanda dos produtos ou servizos que a empresa pretende colocar no mercado” (causas produtivas) (art. 51 do ET).

O único que nos fica claro é que o ERE é consecuencia dunha “decisión adoptada por Alcoa [léase a multinacional á que pertence a sociedade] de “reducir su capacidad de producción mundial...” (p. 35 da memoria explicativa). Pero de aí a deducir a razoabilidade do concreto ERE presentado neste momento en ALCOA INESPAL (fábricas de A Coruña e Avilés) hai un abismo.
Segundo as contas facilitadas, ALCOA INESPAL S.A. tería rematado o exercicio 2011 con máis de 400 millóns de € de beneficios!. Aínda que boa parte deses beneficios teñen orixe en ingresos financeiros por participacións en empresas do grupo, o resultado de explotación tamén foi positivo e importante (case 11millóns de €), sobre todo se o comparamos coas supostas perdas de explotación que tería habido en exercicios previos.
Ademais, os ingresos de explotación medraron un 30,5% respecto de 2010 e un 64,6% respecto de 2009, porcentaxes que no caso dos gastos de persoal se reducen a apenas 1,5% e 2,0%, respectivamente. Gastos de persoal que, como consecuencia disto, diminuíron o seu peso case á metade: se en 2009 representaban o 19,5% dos ingresos de explotación, en 2011 xa só representaron o 10,6%. Isto é: con apenas investir un 2% máis en gastos de persoal (+963 miles de euros) produciuse un 64,6% máis (+153.347 miles de euros)[2].
Obsérvese, porén, que a xustificación do ERE suspensivo de doce meses de duración recae “fundamentalmente” sobre dúas circunstancias (segundo p. 35 da memoria explicativa):
- “...la caída del precio del aluminio así como la de la demanda [...] A este respecto, es imprescindible realizar una mención específica del sector de la construcción en España, uno de los principales sectores destinatarios de los productos fabricados en las plantas de A Coruña y Avilés
- “...resulta decisivo el hecho de que los contratos que regulan las condiciones de suministro de energía eléctrica de las plantas tanto de A Coruña como de Avilés se extinguirán el 31 de diciembre de 2012. A pesar de haberse comenzado a dar los pasos para negociar las condiciones del suministro a partir del 1 de Enero de 2013 para dichas instalaciones, a fecha actual dichas negociaciones están condicionadas por diversos desarrollos legislativos pendientes de aprobación
Se a demanda e o prezo de aluminio están caendo (principalmente como consecuencia da evolución do sector da construción en España), ¿como se explica que ALCOA INESPAL incrementara un 64,6% os seus ingresos de explotación no período 2009‑2011?
E se o prezo da enerxía pode verse afectado a partires do 1 de Xaneiro de 2013 por diversos desenvolvementos lexislativos “pendentes de aprobación”, ¿por que se presenta o ERE agora e por que se afirma a “necesidad de poner en marcha las medidas propuestas a la mayor brevedad” (carta ao comité)?



[1] A empresa podería alegar que, ao tratarse dun ERE suspensivo, o artigo aplicábel é o 22.c) que afirma que “a documentación xustificativa será a estritamente necesaria para acreditar a concorrencia da causa”. Pero tamén é certo que, máis adiante, asegúrase que “a estes efectos, no caso de que a causa aducida pola empresa sexa de índole económica, a documentación exixíbel segundo o artigo 6.2 limitarase á do último exercicio económico completo, así como ás contas provisionais do vixente á presentación da solicitude do procedemento”. O que nos fai deducir que o que se varía é o período de contas exixíbeis, pero non o tipo de contas.



[2] Non falaban os donos do sistema de ligar salarios e produtividade? Ou iso resérvase para cando a produtividade cae pero non para cando se dispara como neste caso? Aquí o premio por producir máis por menos é un ERE.




viernes, 17 de febrero de 2012

Asemblea de afiliados e simpatizantes.

O próximo luns día 20 de Febreiro as 17:30  horas celebraremos unha asemblea informativa no local sindical(o lado do comedor),para explicar as causas do noso rexeitamento o preacordo sobre o ERE presentado por Alcoa-Inespal.
Tamén dende esta sección sindical queremos aproveitar,para desexarlle unha pronta recuperación o noso compañeiro Ambrosio Miralles,ferido nunha man no transcurso da última mobilización.

jueves, 16 de febrero de 2012

A sección sindical da CIG en Alcoa rexeita o preacordo asinado para o ERE por non considerar xustificadas as causas económicas nin produtivas.

A sección sindical da CIG en Alcoa quere manifestar o seu rexeitamento ao preacordo asinado no día de hoxe, xoves 16 de febreiro, para o ERE de suspensión temporal na fábrica da Coruña, ao non recoñecer as causas económicas nin produtivas nas que está baseada o expediente, pis a situación da fábrica non é conxuntural senón provocada.

En canto as causas económicas podemos dicir que en función da información da que dispón esta Sección Sindical despréndese que nos últimos tres anos tanto as instalacións da Coruña como de Avilés teñen un resultado positivo. Como exemplo pódese citar que no ano 2011 a empresa tería rematado cun saldo positivo próximo os 400 millóns de euros ,parte de eles produto de participacións en empresas do grupo e un resultado da explotación das fábricas de case 11 millóns de euros.

Tampouco podemos aceptar como causa válida a previsión de perdas feitas para o ano 2012, por estar calculada cun prezo da cotización do aluminio á baixa /1.975 $/Tm), cando xa no que levamos de ano este valor oscila arredor dos 2.200 $/Tm. Cifra esta que implicaría beneficios se fose usada para calcular esa previsión.

Ademais,as contas que presenta a empresa deste último ano non están consolidadas e non é posible obter estas contas por outras vías, xa que non se atopan no rexistro mercantil.

No referente ás causas produtivas, segundo as propias palabras do presidente la multinacional. Klaus Klienfield, para este ano prevese un incremento da demanda do aluminio  no mundo do 7%. Cómpre lembrar que Alcoa está a construír a maior planta de aluminio do grupo de Arabia Saudita, que se prevé que entre en funcionamento durante o ano 2013.
Tamén é coñecido que Alcoa está a inverter capital para mellorar a produción doutras plantas en diferentes países. Por iso, entendemos que a verdadeira causa deste ERE é a deslocalización da produción cara países con custes enerxéticos e laborais máis baixos.

Como exemplo, hai dous anos a planta da Coruña deixou de producir 20.000 Tm/anuais de alambrón en favor da fábrica de Islandia, o que supuxo a parada definitiva da instalación de laminación de Alcoa Inespal.

Vistas estas circunstancias, a Sección Sindical da CIG en Alcoa non pode admitir este ERE porque suporía aceptar como certas e estar en concordancia coas causas tanto produtivas como económicas alegadas pola empresa, como xa establece o artigo 47 do novo Estatuto dos Traballadores que di textualmente. "Cando o período de consultas finalice con acordo presumírase que concorren as causas xustificativas",polo que de cara a un futuro ERE de extinción non poderemos alegar nada para paralo ,xa que nos mesmos as damos por certas aínda que sabemos que non e así.

Aceptar esta regulación temporal suporía abrir a porta a un futuro ERE de extinción e á desaparición de máis de 500 postos de traballo directos.

jueves, 9 de febrero de 2012

ALCOA: 1º OBXETIVO CUMPRIDO

         


O encabezamento do artigo pode resumir a situación na que nos atopamos, hoxe nove de febreiro será unha data que non esqueceremos xamais, data na que ALCOA presenta o expediente de suspensión de emprego mais inxusto dos que temos conciencia,poñendo contra a espada e a parede a dúas plantas de primario e a súas plantillas integras, sendo ALCOA o máximo responsable dista situación, no lles importa xogar e especular co pan das familias dos traballadores, que todo sexa  pola excelencia operativa das súas plantas na que non ten contemplación en desfacerse do que sexa se non cumpren as súas expectativas. 
Dito isto a  ALCOA  sen ningún tipo de reparo, non fai alusión algunha a garantía do emprego limitase a invitar a os sindicatos a formar parte de outra NOVA MESA POLA COMPETITIVIDADE, para todos aqueles que coñecedes os seus resultados, pois xa vedes o futuro que podemos ter.


A negociación do ERE de suspensión  dividirase en dúas partes:


1ª Negociación da organización dos postos coa aplicación do ERE
    esta se fará nas plantas, respectivamente, a primeira xuntanza
    terá lugar o venres día 10.


2ª Negociación das condicións económicas, esta será en Madrid
    o vindeiro mércores.


Non hai moito mais que contar, isto leva camiño de converterse nun ERE DE EXTINCIÓN, o que si temos moi moi clariño e  que calquera solución neste conflito pasa por saírmos a rúa.

! ONDE SEXA E CANDO SEXA ¡

miércoles, 8 de febrero de 2012

A C.I.G. convoca unha Folga Xeral para a última semana de Marzo



A conferencia sindical celebrada este martes en Compostela aprobou por aclamación a mobilización
07/02/2012
O secretario xeral da CIG compareceu esta mediodía en rolda de prensa xunto ao responsábel de Comunicación e Propaganda para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo. A decisión foi adoptada practicamente por aclamación -só houbo sete abstencións- durante a conferencia sindical que se celebrou en Santiago de Compostela este martes e na que participaron máis de 350 dirixentes da central nacionalista. A data definitiva será consensuada coas distintas organizacións sindicais que decidan sumarse á mobilización.

martes, 7 de febrero de 2012

Mobilizacións semanais

O venres día 10 de febreiro os compañeiros de Avilés organizan unha manifestación que sairá da Praza do Vaticano (en Avilés) ás 18:30 horas.Como mostra de apoio dende o Comité de Empresa da fábrica da Coruña contratamos dous autobuses para acudir á manifestación que sairán dende o aparcamento de Alcoa ás 14:30 horas. Os compañeiros que poidades participar na manifestación vos podedes anotar poñéndose en contacto con calquera dos membros do Comité. As prazas están limitadas á capacidade dos buses, 110 persoas en total.

Tamén vos recordamos que o Sábado día 11 de Febreiro,as 11 da mañá terá lugar unha caravana de vehículos que partirá da fábrica.