martes, 3 de octubre de 2017

O COMITÉ ACORDA EXPULSAR A CIG DAS COMISIÓNS DE TRABALLO

Comunicado aos traballadores.

         Na última reunión do Comité de Empresa, este Comité a iniciativa de CCOO, tomou a decisión con sete votos a favor, duas abstencións e dous en contra de expulsar a CIG das comisións de traballo tales como interpretación e vixiancia do convenio, comisión de ascensos, valoración de postos, comisión de estudos, de préstamos, de igualdade, do fondo de axuda, de formación ocupacional ou mesa polo emprego.
         Os votos favorables foron os de CCOO e APC, e as abstencións de UGT. A cuestión é que xa sexa por acción ou por omisión o resto do Comité non quer que estemos presentes na maioria das reunións e negociacións coa empresa, a lo menos das que cren ter capacidade para botarnos fora, e nas que se tratan asuntos de moita relevancia para todos os traballadores da fábrica.
         Esta acción é unha clara represalia   por non sermos asinantes do convenio colectivo. As razóns polas que non asinamos son de sobra coñecidas, pero a cuestión é que se creen donos do Convenio, e non é así, o convenio é de todos, guste ou non , e afectanos por igual aos traballadores da fábrica, para mal ou para ben.
         Entendemos esta expulsión como un atentado aos dereitos dos traballadores, ao quedar unha sección sindical con representación no Comité ao marxe de moitas decisións que se han de tomar nesas comisións. Supón un ataque aos dereitos de todos, non só a nós como delegados do Comité, porque unha conculcación dos dereitos de liberdade sindical non afecta únicamente aos representantes dos traballadores senon aos propios representados, ao conxunto dos traballadores que é de onde emanan estos dereitos. Non somos nos os que mermamos en capacidade de representación, sodes todos vos os que quedades un poco máis horfos en defensores dos dereitos colectivos de todos.
         É a nosa intención denunciar estes feitos ante todos vos, para que teñades coñecemento de primeira man do que está a acontecer no Comité de Empresa. Parece incríbel, por moitas discrepancias que teñamos, que compañeiros de sindicatos que se autodefinen como "de clase", queiran coartar a representación dunha parte dos traballadores.  O sindicalismo de clase defínese polas accións, non polas etiquetas, e nesta ocasión as súas accións etiquetáronos definitivamente.
         Queremos tamén compartir con vos que a CIG non se vai resignar a esta situación e estamos estudando todas as posibilidades de acción que temos para intentar revertir esta situación, e seguiremos traballando agora máis que nunca para defender os dereitos colectivos e de clase dos traballadores.


Recibide un cordial saúdo, nacionalista e de clase.