sábado, 16 de diciembre de 2017


A CIG mobilizarase por un novo marco regulador da enerxía para a industria galega

Convoca unha concentración o luns 18 de decembro, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña

Nacional - 
O próximo luns, 18 de decembro, a CIG mobilizarase na Coruña para esixir a derrogación do sistema de poxa eléctrica para industrias grandes consumidoras de enerxía (a coñecida como poxa de asignación da interrompilidade), por ser este un método perverso, opaco e inestábel, que de xeito permanente pon en tea de xuízo a continuidade de importantes fábricas do noso país como Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa.
Con esta concentración, que terá lugar ás 11:30 horas diante da Delegación do Goberno (Praza de Ourense, s/n), quérese demandar a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa e a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predecíbeis, á que se podan acoller as industrias grandes consumidoras, baixo determinadas condicións.
Para o ano 2018 o Goberno español aprobou unha poxa -que se iniciará o vindeiro luns- que, en principio, só vai dar cobertura a estas industrias dende o 1 de xaneiro ao 31 de maio, incrementando deste xeito as incertezas que marcan cada proceso e que non favorecen o normal desenvolvemento e planificación destas industrias.
As negativas consecuencias de toda esta situación vémolas cando industrias asentadas en Galiza, tanto as que desenvolven procesos produtivos intensivos no uso de enerxía (aluminio, aliaxes de ferro, etc.), como as que teñen menor consumo pero de grande importancia estratéxica na economía galega, poden perigar polos altos prezos da electricidade e con elas os miles de empregos que xeran.
Por unha tarifa eléctrica galega    
A protesta enmárcase na campaña que a central sindical vén desenvolvendo dende hai anos en demanda dunha tarifa eléctrica galega que abarate o custe da enerxía tanto para o consumo doméstico como industrial, tendo en conta o peso do sector enerxético no noso PIB, que Galiza é excedentaria na produción de enerxía e que asume os custes sociais e ambientais desta actividade sen recibir beneficio ningún a cambio.
Con obxectivo de mudar esta situación, en 2015, a CIG promoveu e presentou no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, que foi aprobada por unanimidade polos grupos da cámara, pero que na súa tramitación o PP baleirou de contido, reconverténdoa nunha lei pola eficiencia enerxética, aprobada o pasado 4 de decembro tan só cos votos do partido de Feijoo.
A proposta da CIG contemplaba, entre outras moitas medidas, a creación dunha tarifa eléctrica galega partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico, seguindo o camiño de Euskadi onde xa contan cunha tarifa industrial máis baixa, que significa un aforro estimado nuns 50 millóns de euros/ano. Porén, o PP rexeitou desenvolver para Galiza unha tarifa diferenciada por considerala "separatista", cando non tivo reparos en apoiar a creación da tarifa industrial vasca, nin para defender esa rebaixa tarifaria diante de Competencia da UE.
Sorprende tamén o silencio da Xunta de Galiza non informe preceptivo da CNMC, cando outras comunidades autónomas como Euskadi, Catalunya, Asturias ou Estremadura si presentaron propostas. É dicir, o Partido Popular de Galiza destrúe na práctica a ILP sobre medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, mais non ten ningunha proposta para o subministro eléctrico á industria galega.
Regulación máis xusta
Fronte a esta deixamento, a CIG reivindica a derrogación do actual sistema de poxa de interrompibilidade, a aprobación dunha nova regulación máis xusta e equitativa e a creación dunha tarifa industrial estábel; a participación da Xunta no aproveitamento público de todos recursos enerxéticos, así como de todas as  instalacións de produción, distribución e transporte existentes en Galiza; a implantación dunha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza; a diversificación das fontes de enerxía; e un plano de medidas para garantir o aceso á  enerxía como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e para  erradicar a pobreza enerxética

jueves, 14 de diciembre de 2017

POR UN MARCO ENERXÉTICO ESTABLE PARA A INDUSTRIA.

Concentración na Delegación de Goberno

18/12/2018      de      11:30 a 12:30


PARTICIPA!!!



martes, 3 de octubre de 2017

O COMITÉ ACORDA EXPULSAR A CIG DAS COMISIÓNS DE TRABALLO

Comunicado aos traballadores.

         Na última reunión do Comité de Empresa, este Comité a iniciativa de CCOO, tomou a decisión con sete votos a favor, duas abstencións e dous en contra de expulsar a CIG das comisións de traballo tales como interpretación e vixiancia do convenio, comisión de ascensos, valoración de postos, comisión de estudos, de préstamos, de igualdade, do fondo de axuda, de formación ocupacional ou mesa polo emprego.
         Os votos favorables foron os de CCOO e APC, e as abstencións de UGT. A cuestión é que xa sexa por acción ou por omisión o resto do Comité non quer que estemos presentes na maioria das reunións e negociacións coa empresa, a lo menos das que cren ter capacidade para botarnos fora, e nas que se tratan asuntos de moita relevancia para todos os traballadores da fábrica.
         Esta acción é unha clara represalia   por non sermos asinantes do convenio colectivo. As razóns polas que non asinamos son de sobra coñecidas, pero a cuestión é que se creen donos do Convenio, e non é así, o convenio é de todos, guste ou non , e afectanos por igual aos traballadores da fábrica, para mal ou para ben.
         Entendemos esta expulsión como un atentado aos dereitos dos traballadores, ao quedar unha sección sindical con representación no Comité ao marxe de moitas decisións que se han de tomar nesas comisións. Supón un ataque aos dereitos de todos, non só a nós como delegados do Comité, porque unha conculcación dos dereitos de liberdade sindical non afecta únicamente aos representantes dos traballadores senon aos propios representados, ao conxunto dos traballadores que é de onde emanan estos dereitos. Non somos nos os que mermamos en capacidade de representación, sodes todos vos os que quedades un poco máis horfos en defensores dos dereitos colectivos de todos.
         É a nosa intención denunciar estes feitos ante todos vos, para que teñades coñecemento de primeira man do que está a acontecer no Comité de Empresa. Parece incríbel, por moitas discrepancias que teñamos, que compañeiros de sindicatos que se autodefinen como "de clase", queiran coartar a representación dunha parte dos traballadores.  O sindicalismo de clase defínese polas accións, non polas etiquetas, e nesta ocasión as súas accións etiquetáronos definitivamente.
         Queremos tamén compartir con vos que a CIG non se vai resignar a esta situación e estamos estudando todas as posibilidades de acción que temos para intentar revertir esta situación, e seguiremos traballando agora máis que nunca para defender os dereitos colectivos e de clase dos traballadores.


Recibide un cordial saúdo, nacionalista e de clase.

jueves, 27 de abril de 2017

miércoles, 25 de enero de 2017

Manifestación en Santiago




O vindeiro sábado 28 de xaneiro transcorrerá a partir das 12 horas a manifestación nacional polas rúas de Compostela baixo o lema, na defensa dos nosos dereitos, emprego, salarios e pensións dignas.
Manifesta o teu compromiso na defensa dos  intereses da clase traballadora , nesta mobilización, coa que pretendemos abrir este 2017 de loita e de recuperación dos nosos dereitos.
Contaremos cun autobús que sairá desde A Coruña da Praza da Palloza e das inmediacións do edificio sindical (SEAT Marineda)
Contamos contigo!

Os que queirades asistir poñédevos en contacto con Julio ou Abrahan.