martes, 26 de enero de 2016

O Parlamento aproba, por unanimidade, a ILP da CIG a prol dunha tarifa eléctrica galega


Todos os grupos parlamentarios aprobaron, este martes, por unanimidade, a Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética promovida pola CIG. Un apoio que agradeceu o representante da central sindical encargado de defendela, Fernando Branco, quen, en todo caso, asegurou que a CIG vixiará o trámite parlamentario que seguirá a Iniciativa, para garantir que o seu contido se manteña.


Na defensa da ILP, Branco lembrou a especialización de Galiza en produción eléctrica ao longo destes anos. Unha especialización que a converteu en produtora neta excedentaria ate o punto de exportar, segundo a última referencia, o 40% do que produce. Porén, denunciou, “non obtemos ningún beneficio a cambio”.

Centrou, entre os obxectivos fundamentais desta ILP, conseguir unha tarifa eléctrica galega e que se poñan en marcha medidas específicas para combater a pobreza enerxética.

Para xustificar unha tarifa eléctrica galega lembrou que dentro das tarifas hai dous conceptos: un a propia poxa eléctrica diaria (pull eléctrico) e outro, que supón case o 50% da factura, que son as peaxes eléctricas, fixadas polo goberno do Estado que definiu como “a parte puramente política das tarifas” e que supera os 25.000 millóns de euros, aproximadamente nun ano normal.

Explicou que nesas peaxes hai conceptos de solidariedade interterritorial que pagamos entre todos/as, como é o caso do transporte de enerxía a outras comunidades que non producen apenas, como a de Madrid, que produce menos que algún pobo rural galego; o de solidariedade extrapeninsular, que é o sobrecusto de producir electricidade e distribuír a territorios como Baleares, Canarias, Ceuta ou Melilla e que ascende a 1.800 millóns de euros nun ano normal; a prima que se paga para que se poida queimar o carbón español, que é duns 500 millóns de euros ao ano ou axudas a determinadas tecnoloxías, como os ciclos combinados, que supoñen outros 500 millóns de euros.

Xunto a isto sinalou que “fomos solidarios –aínda que rematou o ano pasado- coa moratoria nuclear. Cinco grupos nucleares que non chegaron a facerse no estado español pero que se estiveron pagando varios anos, cando algún deles non chegou a ser máis que un movemento de terras”. Unha solidariedade pola que pagamos durante varios anos 5.700 millóns de euros.

Diante deste escenario, que definiu como “hipersolidario”, Fernando Branco cuestionou que Galiza non poida obter ningún beneficio, malia os custos sociais, económicos e medio ambientais que a produción eléctrica comporta á nosa nación. “Nós demandamos que nas peaxes, igual que se é solidario con moitos territorios e tecnoloxías, haxa unha bonificación na tarifa con quen produce e exporta”. Bonificación que cifrou nun 30%.
Para xustificalo puxo como exemplo, entre outros, o pacto ao que chegou o PP con Euskadi, hai dous anos, cando se aprobou a Lei Eléctrica, que permitiu crear unha tarifa industrial que non existía, por unha cuestión técnica dunhas liñas de distribución concretas e que deu nunha tarifa vasca que “andará polo 50 millóns de euros ano” que, especificou, “tamén pagamos o resto”.

A partires de agora deixa de ser unha ILP promovida pola CIG para converterse nun proxecto de lei ,onde un dos seus puntos era a creación dunha tarifa industrial estábel e con variacións predicíbeis a que se poidan acoller os grandes consumidores baixo o cumprimento dunha serie de requisitos de consumo,potencia contratada e dispoñibilidade de interrupción ,polo tanto temos ante nós unha oportunidade única de conseguir un marco regulatorio estábel  que garanta o noso futuro e non a podemos desaproveitar.