jueves, 28 de junio de 2012

Campaña de mobilizacións contra a estafa do rescate


A Executiva Confederal da CIG reunida este luns, acordou pór en marcha unha campaña de información, sensibilización e de mobilizacións ante o anuncio do rescate do sector financeiro por uns 100.000 millóns de euros. A campaña consiste na convocatoria de actos nas empresas e na vía pública, xunto coa convocatoria de concentracións de delegados/as en todas as cidades e de manifestacións nas sete comarcas de Galiza, o día 1 de xullo, para denunciar “o saqueo dos gobernos e da banca á clase traballadora”.
Para a Executiva Confederal da CIG, o rescate suporá a transferencia da débeda dos bancos ao sector público, porque o Fondo de Estabilidade Europeo a quen lle presta os cartos, realmente, é ao FROB. Isto terá como consecuencia un incremento significativo do déficit e da débeda pública e levará aparellada a exixencia de novas medidas de recorte que empeorarán aínda máis as condicións de vida da clase traballadora, da maioría social, hipotecando, ademais, o futuro da nosa mocidade.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que a situación na que se atopa o estado español, non se debe a que houbera moita débeda pública, senón á débeda privada, nomeadamente á que foron contraendo as entidades financeiras españolas con entidades financeiras dos países europeos, fundamentalmente con Alemaña.
Unha débeda moi vinculada á burbulla inmobiliaria, por teren concedido créditos de forma xeneralizada a irresponsábel, e incrementada por mor da súa posta en circulación nos mercados especulativos. “Un enorme burato negro que teñen que pagar nos próximos meses e para o que non teñen recursos.  Por iso, agora o Estado ten solicitar este préstamo ao FEE,  para garantir que os bancos poden pagar ás entidades financeiras europeas, e se eles non poden, teñen a garantía de que a débeda a asumirá o Estado”.
Seixo afirma que a situación derivada da decisión de solicitar o rescate “é gravísima” e alerta de que non vai garantir que flúa o crédito á pequena e mediana empresa, nin axudar a reactivar a economía e crear emprego. “Son cartos que van destinados unicamente a pagar os pufos que a banca española ten contraídos coa banca alemá. Vai agravar aínda máis a situación, non vai favorecer a recuperación económica e tampouco á creación de emprego. Terá consecuencias directas nas condicións de vida das persoas, rebaixará máis as condicións salariais e  provocará un empeoramento da calidade dos servizos públicos”.
Ante esta situación a CIG acordou promover mobilizacións para denunciar o saqueo dos bancos e dos gobernos á clase traballadora; denunciar aos responsábeis da crise; exixir responsabilidades e demandar que o estado non pague a débeda ilexítima, consecuencia da especulación.
Horarios e lugar da manifestación:
-A Coruña: ás 12:00 horas  dende a Praza de Vigo.

viernes, 22 de junio de 2012

Debate no parlamento da proposición do BNG sobre a tarifa eléctrica para Alcoa

O vindeiro martes día 26 as 19:00  horas terá lugar no parlamento o debate en comisión da proposición non de lei do grupo parlamentario do B.N.G,presentada polos deputados,Fernando Branco,Henrique Viéitez,Manuel Parga,Carlos Aymerich e Ana Luisa Bouza sobre a tarifa eléctrica da grande industria que permita a viabilidade de Alcoa,tanto en A Coruña como en San Cibrao,así como requirir a Alcoa o mantemento do emprego e das condicións sociolaborais.
A proposición que se vai debater e a seguinte:

Preme a imaxe para ampliar

Preme a imaxe para ampliar


Preme a imaxe para ampliar


Preme a imaxe para ampliar

lunes, 4 de junio de 2012

Piden 5 anos de cadea para Antolín Alcántara e Víctor García, dirixentes sindicais da CIG



Antolin Alcántara (responsábel de Negociación Colectiva da CIG) e Víctor Garcia (anterior responsábel do Naval en Vigo e traballador do sector), enfróntanse a penas de cinco anos de cadea pola participación na folga do naval no ano 2007. O xuízo celébrase o próximo 7 de Xuño ás 09,30h en Vigo. Son os únicos procesados, de entre os doce que compoñían o Comité de Folga, 3 por cada sindicato (CIG, CCOO, UGT e CUT). É inexplicábel por tanto a petición da fiscalía e demostra que se trata dun xuízo político para parar o movemento obreiro representado polo sector do metal en Pontevedra. O compañeiro Antolín xa foi xulgado nestes días atrás cunha petición de catro anos de prisión, pola ocupación da estación marítima na folga do metal no ano 2009.
Naquela folga do ano 2007 que durou 18 días, esixíase o cumprimento do convenio na contratación de persoal fixo. Os empresarios dicían que cumprian o convenio, pero a raiz da folga tiveron que facer 3000 contratos fixos nun mes.
A xustiza e o poder político, a petición dos empresarios que reclamaron insistentemente una actuación penal, decidiron atacar na cabeza para dar exemplo, pero só á CIG. Non podían permitir que o metal en cada convenio loitara e fora mellorando de xeito significativo e mellor que ninguén as condicións de traballo. O metal de Pontevedra coa maioría da CIG dende o ano 1999 conseguiu nos dez anos seguintes pasar en salarios do posto 27º no Estado ao posto 4º.
O poder económico e político quere criminalizar o movemento obreiro. Veñen tempos difíciles co PP, que modifica o Código penal porque non quere contestación social que faga fronte á súa política de reformas e de desfeita dos dereitos, que só ataca os pobres, a clase traballadora. Fannos pagar a débeda dos bancos, pero non procesan os seus directivos que causaron a crise e saíron máis ricos do que entraron, nin os grandes empresarios que cometen fraude fiscal. Máis de 80 mil millóns de euros no ano 2010, recoñecido pola Inspección de Facenda, máis que toda a débeda do Estado, só nas grandes empresas.
Esta é a xustiza do sistema e temos que comprender que non teremos futuro nin o terán os nosos fillos e fillas, se non paramos esta guerra contra nós. Nós somos a gran maioría, os que creamos a riqueza, os que facemos que o mundo funcione e que poida ser mellor.
Xoves 7 de xuño
CONCENTRACIÓN
ás 9:30h nos xulgados de Vigo
SOLIDARIEDADE!