miércoles, 24 de diciembre de 2014

A CIG valora o anuncio de Alcoa de retirar o ERE pero advirte que non haberá garantías de futuro até mudar o actual sistema tarifario



A Coruña, a 23 de decembro de 2014

A Sección Sindical da CIG en Alcoa Inespal valora moi positivamente o anuncio feito esta mesma tarde pola multinacional do aluminio de que retirará o ERE de extinción para a fábrica da Coruña, tras o resultado da segunda poxa da interrumpibilidade. Con esta decisión, engaden, garántese que a fábrica continúe aberta durante o 2015 e que se manteñan os 400 postos de traballo.

A empresa, segundo informou nesa reunión co Comité, comunicará a retirada do expediente ao Ministerio de Traballo, en canto a CNMV emita o ditame pertinente que confirma a validez da poxa. Unha resolución que se agarda estea nun par de días.

Porén, dende a representación da CIG poñen o punto de atención tamén sobre as consecuencias que o novo sistema de adxudicación terá nas condicións laborais, xa que dende a dirección se informou que o prezo acadado deixa as fábricas nunha “situación peor” polo que nun futuro non se descarta que a empresa pretenda tocar o convenio e aplicar un “aforro” de custes pola vía do recorte salarial. Tal e como xa aconteceu hai un ano.

En todo caso, dende a Sección Sindical advirten que o problema para a fábrica da Coruña, e por extensión para todas as factorías de Alcoa, non está resolto en tanto non se modifique o sistema de adxudicación da interrumpibilidade e todo o sistema tarifario. Pois, advirten, ao adxudicarse a interrumpibilidade de xeito anual, a empresa atoparase co mesmo problema do custe da enerxía o vindeiro ano.

Por iso, reclaman apertura dun debate social e político sobre a necesidade de contarmos cunha tarifa eléctrica galega que nos permita ter un prezo da enerxía máis baixo e que garanta a continuidade da actividade e dos empregos da nosa industria pesada.

miércoles, 17 de diciembre de 2014

A CIG promove concentracións o xoves 18 de decembro nas empresas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega



A central sindical defende a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata 
A CIG ten convocadas para este xoves, 18 de decembro, concentracións nas industrias galegas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega que favoreza a continuidade do tecido industrial e o mantemento dos miles de empregos que xera. Unha reivindicación que a central nacionalista leva tempo defendendo e que hoxe está de primeirísima actualidade tras dos resultados das poxa de interrrumpibilidade, que algunhas destas empresas están a utilizar como escusa para xustificar a aplicación de EREs, modificacións das condicións laborais e mesmo peches de fábricas.

As concentracións realizaranse coincidindo cos cambios de quendas nos seguintes horarios e fábricas:

  • Ferroátlantica (Sabón e Cee): ás 13:45 horas.
  • Celsa Atlantic (A Laracha):  a partir das 13 horas.
  • Alcoa (A Coruña e San Cibrao): a partir das 13 horas.
  • SGL Carbón (A Coruña): súmase á protesta de Alcoa Inespal.
  • Megasa (Narón): ás 13 horas.

Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña que a CIG vén de pór en marcha para levar ao debate político e social a necesidade de contar cunha Tarifa Eléctrica Galega que nos permita obter unha enerxía máis barata. Por iso, alén das concentracións nas empresas que máis directamente afectadas poidan estar polo prezo da enerxía, a central sindical tamén promoverá posicionamentos das Corporacións locais e mobilizacións nos Concellos onde se asentan estas fábricas. Así, xa está acordada unha primeira xornada de concentracións para o día 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante dos concellos nos que están as fábricas mencionadas.

A reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega xa estaba presente na ILP de 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que a central nacionalista defendeu no Parlamento en abril deste ano, e a través da que se propoñía unha rebaixa nas peaxes do 30%. Unha iniciativa lexislativa popular que, hai que subliñar, foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Cómpre lembrar que a tarifa eléctrica soporta unha cantidade de extracustes que Galiza tamén ten que abonar, aínda sendo produtora e excedentaria de enerxía ano tras ano. É dicir, pagamos os custes da extrapeninsulariedade ou do  transporte, como calquera outro territorio non produtor, mais non obtemos ningún beneficio ou contraprestación. Somos solidarios no mantemento do sistema e a maiores cargamos con todo o custe social e medioambiental que deriva da especialización forzada que dende o estado se deseñou neste sector.

A demanda da CIG non é unha entelequia se hai vontade política. E así o demostra o pacto ao que chegou o PNV co goberno español para realizar unha modificación na definición da alta tensión, que podería supor unha rebaixa das peaxes do 50% en dous anos.



Por iso, a CIG demanda a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata para o consumo doméstico, par defender a nosa cativa industria, para favorecer os nosos sectores produtivos básicos e porque non podemos consentir que se esquilmen os nosos recursos naturais, se leven os beneficios lonxe de Galiza e, ao tempo, se poñan impedimentos á nosa capacidade de producir. 

lunes, 1 de diciembre de 2014

Comunicado da dirección para o inicio do proceso de despido colectivo


Polo momento non nos deron mais datos,este proceso iniciouse conxuntamente ca planta de Avilés afectando a máis de 800 empregos directos.
Tamén a empresa manifestou que se durante este período se acadaba un resultado mellor coa celebración da anunciada segunda poxa (prevista para mediados de mes) ou outra oportunidade que se presente ,podería retomar a produción nas citadas plantas.
Pero que de calquera maneira de celebrarse a segunda poxa nas actuais condicións e non conseguisen o prezo desexado non se solucionaría o problema e continuarían adiante co proceso.
A reunión do comunicado para o Martes día 2 en Madrid cos comités das dúas plantas pospúxose, polo que sigue adiante a asemblea prevista para ese día en horarios de 10:30  horas e 17:30 horas, tal e como estaba anunciado,pregamos a maior asistencia debido a importancia do asunto a tratar.