martes, 15 de febrero de 2011

Constitución do novo comité de empresa

Hoxe as 10:30 da mañá reuníronse os membros electos nas últimas eleccións sindicais e constituíron o novo Comité de Empresa,sendo a súa composición a seguinte:

Por CIG: Rubén e Abraham.
Por CCOO: Nazario, Corbacho, Eugenio, Conde, Vidal, Cabezas, Seijas, Permuy,Brandariz.
Por UGT: Paseiro, Gervasio, Pablo ,Miguel De la Fuente.
Por APC: Luís María e Torres.

Seguidamente os asistentes ó Pleno elixiron os cargos do Comité de Empresa,por 9 votos a favor e 7 abstencións, co seguinte resultado:


Presidente: Nazario.
Secretario: Brandariz.
Vicepresidente: Corbacho.



Na reunión,entregouse o novo regulamento do comité,e falouse de que a empresa quería cubrir o Contrato de Relevo escollendo ela ós traballadores. A nosa sección mostrouse totalmente contraria a ese tipo de contratación dicindo que tería que facerse por orden de entrada, coma sempre se fixera. Posición está que foi apoiada polo Pleno do Comité Empresa.


Tamén informamos o pleno do comité que a empresa procedera a apertura dun Expediente Contraditorio,(propoñendo unha sanción por unha falta moi grave,por acumulación de 3 faltas graves) contra un membro da nosa sección, comunicándolles que tiñamos unha reunión ca empresa para tratar o asunto próximo día 17 de Febreiro.


Por último, falouse da visita que mañá fará o Alcalde da Cidade, o Comité aprobou que unha representación do mesmo este presente no acto, dende a CIG, rexeitamos a invitación ,por non considerar correcta a nosa participación nun acto público coa empresa , debido a situación de apertura do Expediente o noso Delegado,que consideramos un ataque directo contra a nosa sección sindical.

sábado, 12 de febrero de 2011

0.5% do fondo de axuda

Na nómina de xaneiro nos cobraron o 1% do fondo de axuda e non o o 0.5% como estaba acordado no convenio colectivo. En conversacións con recursos humanos comentan que foi un erro e que o amañarán na nómina de febreiro e que pagarán os atrasos de xaneiro.

Saúdos compañeiros.

viernes, 11 de febrero de 2011

CIG: O sindicalismo cos pés na terra


Que é a CIG? A Confederación Intersindical Galega é unha central sindical nacionalista e de clase que traballa desde 1994 pola defensa e a mellora das condicións e os dereitos laborais das traballadoras e traballadores galegos na perspectiva dunha Galiza soberana e unha sociedade máis xusta e máis libre. Defendemos a auto-organización da clase traballadora galega de cara á construción dunha Central Sindical Única das/os traballadoras/es galegas/os e a consecución dun Marco Galego de Relacións Laborais que teña en conta a nosa realidade económica, social e laboral .
Principios da CIG
- Sindicalismo de clase
- Nacionalismo
-Auto-organización
- Solidariedade e internacionalismo
- Democracia e participación.
- Independencia
-Pluralismo
-Transformación
-Unidade
-Normalización lingüística

Non todos os sindicatos somos iguais: Desde sempre o sindicalismo nacionalista caracterizouse polo seu activismo, o seu compromiso coa clase traballadora por riba de todas as cousas e a súa combatividade frente ás agresións e vulneracións dos nosos dereitos. A CIG recolleu nestes anos esa tradición e mantén un modelo sindical activo, comprometido, participativo e reivindicativo que se constrúe no día a día, desde abaixo, nas empresas onde temos presenza. Un modelo sindical que aposta pola participación das/os traballadoras/es e que non se limita a un labor meramente informativo ou de servizo. Un modelo que aínda apostando pola negociación e o diálogo coa patronal non dubida en saír á rúa cando se vulneran os nosos dereitos e as nosas condicións laborais.
Un marco de relacións laborais cada vez máis deteriorado: as sucesivas reformas laborais dos últimos anos, apoiadas desde os sindicatos estatais e rexeitadas pola CIG, teñen empeorado notabelmente as condicións de traballo e os nosos dereitos laborais. Creouse un panorama baseado polo xeral na precariedade, a explotación, o incumprimento dos convenios e dos contratos, o desemprego ou a falta de perspectivas que conleva á emigración forzosa fóra do país, especialmente no caso da xente nova. Ante esta situación, da que desgrazadamente xa non escapa ningún sector, a CIG responde coa súa loita diaria nas empresas e na rúa.
A importancia da negociación colectiva e dun Marco Galego de Relacións Laborais: desde a CIG entendemos a negociación colectiva, os Convenios, como o mellor marco posíbel para tentar corrixir a negativa tendencia do mundo laboral e mellorar as condicións e dereitos laborais das traballadoras e traballadores. Tamén entendemos que, dadas as particulares condicións socio-económicas do noso país, é necesario que negociemos as nosas condicións alí onde traballamos. Boa parte da nosa loita vai dirixida a combater a crecente centralización da negociación colectiva e procurar convenios de ámbito galego. A propia experiencia dinos que son moito máis beneficiosos porque teñen en conta a realidade directa das traballadoras e traballadores aos que afecta. O noso lema é ben claro: aquí traballamos, aquí negociamos.
Rematado o proceso electoral temos  que dar as grazas aos compañeiros/as que confiaron na nosa candidatura, pero temos que aprender para o futuro: os traballadores temos que ser conscientes de que para cambiar o rumbo da negociación temos que procurar outra relación de forzas dentro do Comité de Empresa.

ORGANÍZATE CON NÓS!

Sección Sindical CIG

lunes, 7 de febrero de 2011

Agradecemento eleccións

Dende a sección sindical da CIG queremos agradecer o apoio mostrado a todos os compañeiros que depositaches a vosa confianza en nós ó votar a nosa lista nas eleccións sindicais, e tamén e moi especialmente a todos os que secundáchedes a folga convocada pola CIG e acudíchedes a manifestación do día 27 de xaneiro, a pesares das dificultades e da campaña de desmobilización da clase traballadora posta en práctica polas centrais sindicais UGT e CCOO, e tamén do apagón informativo que sufrimos na maioría dos medios de comunicación.

Na nosa fábrica estamos a crecer tanto en afiliación coma en representación pero pensamos que non e suficiente, e como reto de futuro propoñémonos seguir aumentando a nosa presencia e labor sindical para chegarmos a acadar o máximo apoio posíbel dos traballadores.

Nestas eleccións saímos con dous delegados no Comité de Empresa, un máis do que tiñamos, co mérito de conseguilo en medio dunha campaña electoral sucia e rastreira por parte de CCOO, chea de infamias, mentiras e ataques persoais contra a nosa sección sindical. Nos non o fixemos así, pero tomamos nota.

Quedan por diante unhos anos de dura labor sindical, de incertidume e moi probablemente de conflitos, tanto coa empresa coma cos gobernos do Estado Español e da Xunta. Por iso, facemos un chamamento a conciencia social de todos os traballadores, para estar máis unidos que nunca na defensa dos nosos dereitos, os dereitos da clase traballadora.