lunes, 7 de febrero de 2011

Agradecemento eleccións

Dende a sección sindical da CIG queremos agradecer o apoio mostrado a todos os compañeiros que depositaches a vosa confianza en nós ó votar a nosa lista nas eleccións sindicais, e tamén e moi especialmente a todos os que secundáchedes a folga convocada pola CIG e acudíchedes a manifestación do día 27 de xaneiro, a pesares das dificultades e da campaña de desmobilización da clase traballadora posta en práctica polas centrais sindicais UGT e CCOO, e tamén do apagón informativo que sufrimos na maioría dos medios de comunicación.

Na nosa fábrica estamos a crecer tanto en afiliación coma en representación pero pensamos que non e suficiente, e como reto de futuro propoñémonos seguir aumentando a nosa presencia e labor sindical para chegarmos a acadar o máximo apoio posíbel dos traballadores.

Nestas eleccións saímos con dous delegados no Comité de Empresa, un máis do que tiñamos, co mérito de conseguilo en medio dunha campaña electoral sucia e rastreira por parte de CCOO, chea de infamias, mentiras e ataques persoais contra a nosa sección sindical. Nos non o fixemos así, pero tomamos nota.

Quedan por diante unhos anos de dura labor sindical, de incertidume e moi probablemente de conflitos, tanto coa empresa coma cos gobernos do Estado Español e da Xunta. Por iso, facemos un chamamento a conciencia social de todos os traballadores, para estar máis unidos que nunca na defensa dos nosos dereitos, os dereitos da clase traballadora.