viernes, 11 de febrero de 2011

CIG: O sindicalismo cos pés na terra


Que é a CIG? A Confederación Intersindical Galega é unha central sindical nacionalista e de clase que traballa desde 1994 pola defensa e a mellora das condicións e os dereitos laborais das traballadoras e traballadores galegos na perspectiva dunha Galiza soberana e unha sociedade máis xusta e máis libre. Defendemos a auto-organización da clase traballadora galega de cara á construción dunha Central Sindical Única das/os traballadoras/es galegas/os e a consecución dun Marco Galego de Relacións Laborais que teña en conta a nosa realidade económica, social e laboral .
Principios da CIG
- Sindicalismo de clase
- Nacionalismo
-Auto-organización
- Solidariedade e internacionalismo
- Democracia e participación.
- Independencia
-Pluralismo
-Transformación
-Unidade
-Normalización lingüística

Non todos os sindicatos somos iguais: Desde sempre o sindicalismo nacionalista caracterizouse polo seu activismo, o seu compromiso coa clase traballadora por riba de todas as cousas e a súa combatividade frente ás agresións e vulneracións dos nosos dereitos. A CIG recolleu nestes anos esa tradición e mantén un modelo sindical activo, comprometido, participativo e reivindicativo que se constrúe no día a día, desde abaixo, nas empresas onde temos presenza. Un modelo sindical que aposta pola participación das/os traballadoras/es e que non se limita a un labor meramente informativo ou de servizo. Un modelo que aínda apostando pola negociación e o diálogo coa patronal non dubida en saír á rúa cando se vulneran os nosos dereitos e as nosas condicións laborais.
Un marco de relacións laborais cada vez máis deteriorado: as sucesivas reformas laborais dos últimos anos, apoiadas desde os sindicatos estatais e rexeitadas pola CIG, teñen empeorado notabelmente as condicións de traballo e os nosos dereitos laborais. Creouse un panorama baseado polo xeral na precariedade, a explotación, o incumprimento dos convenios e dos contratos, o desemprego ou a falta de perspectivas que conleva á emigración forzosa fóra do país, especialmente no caso da xente nova. Ante esta situación, da que desgrazadamente xa non escapa ningún sector, a CIG responde coa súa loita diaria nas empresas e na rúa.
A importancia da negociación colectiva e dun Marco Galego de Relacións Laborais: desde a CIG entendemos a negociación colectiva, os Convenios, como o mellor marco posíbel para tentar corrixir a negativa tendencia do mundo laboral e mellorar as condicións e dereitos laborais das traballadoras e traballadores. Tamén entendemos que, dadas as particulares condicións socio-económicas do noso país, é necesario que negociemos as nosas condicións alí onde traballamos. Boa parte da nosa loita vai dirixida a combater a crecente centralización da negociación colectiva e procurar convenios de ámbito galego. A propia experiencia dinos que son moito máis beneficiosos porque teñen en conta a realidade directa das traballadoras e traballadores aos que afecta. O noso lema é ben claro: aquí traballamos, aquí negociamos.
Rematado o proceso electoral temos  que dar as grazas aos compañeiros/as que confiaron na nosa candidatura, pero temos que aprender para o futuro: os traballadores temos que ser conscientes de que para cambiar o rumbo da negociación temos que procurar outra relación de forzas dentro do Comité de Empresa.

ORGANÍZATE CON NÓS!

Sección Sindical CIG