miércoles, 26 de septiembre de 2012

O persoal de Alcoa continúa coas protestas na Coruña e A Mariña mentres o Goberno segue sen achegar unha solución


A CIG da Coruña amosa o seu absoluto rexeitamento ás pretensións de criminalizar ás demandas do persoal e ao trato vexatorio recibido por un delegado da central
Este mércores os traballadores/as de Alcoa Inespal volveron saír á rúa para esixir dos Gobernos do PP unha solución que permita o mantemento da actividade industrial na factoría da Coruña e a continuidade dos empregos, tras das ameazas da multinacional estadounidense de pechar as instalacións. Con semellante obxectivo, membros do Comité de Alcoa San Cibrao subíanse ao alto da ponte de Feve en Viveiro para colgar unha pancarta en defensa dos postos de traballo e a continuidade da actividade industrial na comarca.
12-09-26_ConcentracionAlcoaDelegacion_004
Dende as Sección Sindicais da CIG reclámase ao Goberno español que deixe de demorar a resolución da problemática da tarifa eléctrica e dea unha pronta solución a esta cuestión, xa que a falta dun prezo da enerxía competitivo é a escusa aducida pola empresa para ameazar co peche. Hai que ter en conta tamén que Galiza é produtor de enerxía eléctrica, polo que a lóxica fai pensar que dende a administración resultaría sinxelo estabelecer outro tipo de prezo tanto para a industria como mesmo para os fogares do noso País.
Do mesmo xeito, a representación da CIG na empresa matiza que esta tarifa se demanda para as fábricas do aluminio, non para Alcoa, polo que instan aos gobernos do PP a conseguir o compromiso da multinacional de que manterá a actividade das plantas que ten na Coruña e na Mariña e os postos de traballo; ou ben, no caso de que Alcoa decida abandonar a produción en Galiza, que sexa a propia administración a que busque un comprador para as instalacións ou mesmo que proceda á nacionalización da produción. A este respecto, lembran que a industria do aluminio, alén de xerar beneficios, é unha industria básica no noso País.
Rexeitamento á criminalización da protesta
Así mesmo, a Unión Comarcal da CIG da Coruña quixo amosar o seu total rexeitamento ao novo intento de criminalizar as mobilizacións da clase traballadora vivido este mércores ás portas da Delegación do Goberno na Galiza. A central sindical censura que no marco dunha concentración pacífica e debidamente comunicada a única resposta do Goberno sexa promover unha actuación represora, máxime cando o persoal o único que reclama é a continuidade dos seus empregos.
Cómpre subliñar que das máis de 300 persoas que tomaron parte da concentración celebrada na Praza de Ourense, a policía identificou, sen mediar palabra e dándolle un trato absolutamente vexatorio, a un único traballador do cadro de persoal de Alcoa Inespal, que ademais é membro do Comité de empresa pola CIG.
A central nacionalista lamenta que unha vez máis a única resposta do PP pase por criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras en lugar de procurar unha solución que garanta a continuidade dos empregos nas factorías galegas de Alcoa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario