lunes, 23 de enero de 2012

Postura da C.I.G. sobre os recortes na produción de Alcoa


A CIG-Metal quere manifestar o mais absoluto rexeitamento ás pretensións da multinacional ALCOA de aplicar un Expediente de Regulación de Emprego nas plantas de A Coruña e Avilés, xa que carece de toda xustificación e o único que pretende a compañía con esta medida e avanzar no proceso de deslocalización das nosas fábricas.

Xa a finais do ano pasado tivemos coñecemento, a través dunha filtración, de que a mesma consultora italiana que elaborara o informe para o peche da planta de Portovesme, previsto para o mes de febreiro, estaba a traballar na elaboración duns informes semellantes para as plantas de A Coruña e Avilés. Unha semana despois o obxecto do informe foi ampliado para incluír tamén a fábrica de San Cibrao. Ante a gravidade da noticia decidimos avisar a todos os comités de primario de España e Italia. En menos dun mes a empresa move ficha e anuncia o peche de Portovesme, e unha redución de 90.000 toneladas nas plantas de A Coruña e Avilés.

Compre lembrar que no ano 2009 ALCOA realizou un recorte de produción das mesmas proporcións ao que anuncia na actualidade, amparándose tamén nun contexto de crise económica. Naquela ocasión a medida foi menos traumática xa que se produciu un reparto de xeito equitativo entre todas as plantas do mundo. Porén este ano ALCOA centra este recorte no peche de 3 plantas e na redución drástica da produción de outras dúas.

Todo isto que esta acontecer nas plantas de aluminio primario que ten ALCOA aquí, contrasta co investimento de máis de 4.500 millóns de euros na planta que esta a construír en Arabia Saudita, que terá capacidade para producir 750.000 toneladas de aluminio anuais (aproximadamente o 75 % da produción total de Europa) e 4 millóns de toneladas de alúmina.

Ademais, hai tres anos a compañía inaugurou outra planta en Islandia cunha produción de 350.000 toneladas. Estes dous proxectos viñeron acompañados dun desinvestimento no resto de plantas que ALCOA tiña en Europa coa conseguinte perda de competitividade.

Esta descapitalización continua, o alto custe do prezo da enerxía (máis de 40€/Mw contra os 20€/Mw das plantas de Islandia e Noruega, e menos aínda na planta de Arabia Saudita), a negativa da empresa a dar  garantías de futuro, e as informacións previas que temos, fannos pensar que non estamos diante dun recorte temporal da produción, senón do primeiro paso para o peche e deslocalización das plantas de primario de Galiza e Asturias a países con custes de produción máis baixos. Posiblemente para o ano 2013, cando se prevé a entrada en funcionamento da planta de Arabia Saudita. Non debemos perder de vista o feito de que os EREs temporais non son máis que a primeira etapa no camiño do peche definitivo de  moitísimas empresas, sobre todo no sector industrial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario