jueves, 30 de abril de 2015

A CIG chama a saír á rúa este Primeiro de Maio para reclamar ‘Contra a pobreza, emprego e Salarios Dignos”


Manifestación na Coruña: ás 12:00 horas desde a Praza de Vigo

A CIG convoca para este Primeiro de Maio 12 manifestacións que percorrerán as cidades e principais vilas de Galiza baixo o lema “Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos”. Así o anunciou o secretario xeral, Suso Seixo, quen compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado do secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo.
A CIG optou por este lema porque, tal e como explicou Seixo, desde o comezo da crise se perderon en Galiza miles de empregos e, parello a isto, produciuse un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora. Para demostralo lembrou que “o único tramo de asalariados/as que medrou nos últimos anos foi o que cobra a metade do SMI”.
A este respecto denunciou que hai máis de 177.000 persoas que son consideradas como “ocupadas” polas estatísticas pero cuxos ingresos brutos son inferiores a 1.872 euros ao ano e afirmou que “con 150 euros brutos ao mes non podemos consideralas empregadas”. Por iso ás 275.700 persoas desempregadas que dá a EPA a CIG engade esas preto de 200.000, co que “en realidade estariamos falando de medio millón de parados e paradas”.
Xunto a isto denunciou o empeoramento da situación que constatan os datos da EPA do I Trimestre deste ano, cun aumento do paro en 11.900 persoas; o incremento do número de familias con todos os seus membros desempregados, superando as 94.000; perda de 12.900 ocupados/as; unha importante caída da poboación activa, especialmente entre os 20 e 34 anos, e unha perda de poboación en xeral.
Datos que avalan a denuncia que a CIG vén facendo desde hai anos e “que o PP nega”, lembrou Seixo, dunha emigración masiva da mocidade que, alertou, terá graves consecuencias para o futuro de Galiza.
Seixo denunciou ademais que as políticas do PP tampouco permitiron mellorar a situación económica e salientou que, de feito, “Galiza crece menos que a media do Estado, un 0,4%, fronte o 1,4% da media estatal”.
Fronte este panorama o secretario xeral da CIG fixo fincapé nas alternativas defendidas pola central sindical que mesmo impulsou unha ILP que chegou ao Parlamento co aval de máis de 31.000 sinaturas, pero que foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular e co voto en contra de membros do goberno Feijóo que só entraron no pleno para emitir o seu voto en contra.

Precariedade
O secretario xeral da CIG denunciou tamén a perda de emprego fixo e a tempo completo, que foi substituído por emprego temporal e a tempo parcial. Unha situación que afecta especialmente á xente nova e da que fixo responsábeis ás reformas laborais emprendidas primeiro polo PSOE e logo polo Partido Popular.
Neste sentido, lembrou que estas reformas, que tiñan como obxectivo provocar unha perda de dereitos laborais e salariais so pretexto de abaratar os custos de produción para favorecer así a exportación, só serviron para provocar un incremento das desigualdades sociais cun empobrecemento xeneralizado da clase traballadora galega ao tempo que se incrementaron os beneficios para as rendas altas e as grandes fortunas.
A isto engadiu que segundo “os datos máis recentes produciuse unha caída nas exportacións e incrementouse o déficit comercial” o que o levou a concluír que estas políticas foron “un fracaso” porque, aínda que poderían favorecer ás grandes empresas, “son demoledoras para as pequenas e medianas, que dirixen a súa produción ao mercado interior e que son as que crean emprego en Galiza”.
Asegurou que “ese é o modelo contra o que estamos loitando” porque “aboca á clase traballadora a unha situación de pobreza mesmo tendo emprego” e fixo un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola CIG, en demanda de emprego e salarios dignos e duns servizos públicos, máis necesarios que nunca para atender a quen hoxe está nunha situación máis desfavorecida por mor destas políticas.

Nota: esta mensaxe foi enviada desde un enderezo de correo electrónico que non acepta mensaxes entrantes. Por favor, non respondas esta mensaxe, para calquera tipo de consulta ponte en contacto coa túa Unión Local ou Comarca de afiliación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario