martes, 17 de abril de 2012

Adiado o xuízo no que lle reclaman catro anos de prisión a un dirixente da CIG por participar na folga do metal en 2009


Centos de persoas concentráronse ás portas dos Xulgados de Vigo en solidariedade co secretario de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara
A titular do Xulgado do Penal número 2 de Vigo decidiu atender a petición da Fiscalía e da defensa e adiou o xuízo contra o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, que está acusado de desordes públicos e danos durante a ocupación da estación marítima da cidade na folga do metal en 2009. Centos de persoas concentráronse ás portas do edificio xudicial para amosar a súa solidariedade co representante sindical e rexeitar a petición de catro anos de cadea.
2012 04 17 AdiadoXuizoAntolin01

A decisión de adiar a sesión foi adoptada tendo en conta o elevado número de testemuñas que terán que declarar e a excesiva duración das probas audiovisuais, o que facía imposíbel a súa celebración no día de hoxe tendo en conta que o inicio estaba fixado para o mediodía. Deste xeito, o xuízo celebrarase finalmente o vindeiro día 15 de maio a partir das 9.00 horas. Xunto a Alcántara tamén están acusados a anterior responsábel de prensa da CIG en Vigo e o secretario do Metal de CCOO na cidade.

Practicamente dende unha hora antes do inicio da sesión comezaron a chegar persoas ao contorno dos Xulgados para participar na concentración convocada pola CIG en solidariedade co procesado. Nas faixas podíanse ler cousas como “Xuízo=farsa. Liberdade sindical”, “Ditadura xudicial ao servizo do capital”, “Non á represión contra o movemento obreiro” ou “Defendérmonos como clase é un dereito, non un delito”.

Intervención do secretario xeral

O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, dirixiuse a todos os presentes unha vez adiado o xuízo para trasladarlle publicamente ao acusado todo o apoio do sindicato e denunciar que mentres se persegue ás persoas que defenden os dereitos colectivos “hai moitos empresarios/as que incumpren as leis e non pasa nada”.

O propio Antolín Alcántara incidiu, en declaracións aos medios de comunicación antes de entrar na sala, no feito de que se trata dun xuízo político co que se pretende amedrentar os sectores máis combativos, “como é o caso do metal da provincia de Pontevedra”. Con todo, amosouse convencido de que este tipo de procesos nin van deter a loita obreira nin van conseguir que abandonemos a defensa dos nosos dereitos laborais. O dirixente sindical foi recibido con aplausos por todos/as presentes cando saíu do edificio xudicial.

1 comentario: