viernes, 24 de febrero de 2012

Nota de prensa do BNG

O BNG URXE DA XUNTA QUE ACTÚE PERANTE O ANUNCIO DE ALCOA DE RECORTAR A SÚA ACTIVIDADE EN GALIZA
Henrique Viéitez advirte de que esta decisión agocha o obxectivo de deslocalizar toda a produción a Arabia Saudí

Henrique Viéitez
Santiago de Compostela, 24 Febreiro .- O deputado do G.P do BNG Henrique Viéitez advertiu hoxe ao goberno da Xunta de que ten que actuar para salvagardar a produción de Alcoa en Galiza e o seu emprego nas condicións actuais, pois asegurou que os plans da empresa van máis alá dunha redución temporal, teñen como obxectivo final a deslocalización.
Viéitez, durante o debate en comisión dunha pregunta do BNG sobre os recortes da produción previstos na Coruña e que, segundo os datos que manexa o deputado, tamén poderían afectar a San Cibrao, lembrou que a dirección de Alcoa xa comezou a dita deslocalización en 2009, desviando parte da produción das súas plantas (6 no conxunto do Estado) a Islandia.
Para o parlamentario, este feito sumado ás previsións de pór en marcha unha megafactoría en Arabia Saudí en 2013, que produciría 750 mil toneladas de aluminio ao ano, absorbendo o que hoxe deixan de producir as fábricas pechadas e a redución das fábricas galegas, fai “que non se poida mirar para outro lado e se actúe para evitar a incidencia no emprego”.
Víeitez acusou ao director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, de demostrar que está máis do lado da empresa que dos traballadores e aseguroulle que o ERE previsto non é temporal –como sostivo o director xeral- senón que só é un primeiro paso que agocha unha “medida máis gorda”, como a deslocalización.
Asemade, recriminoulle que se os empregados de Alcoa asumiron as condicións da empresa é “por medo”, debido ao actual contexto da reforma laboral e a indefensión na que deixa aos traballadores.
O deputado nacionalista concluíu asegurando que o encarecemento da enerxía, o incremento dos custes das materias primas e a caída do prezo do aluminio é tan só a escusa para xustificar a redución de produción e, por tanto, de emprego pero non se corresponde exactamente coa realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario