lunes, 4 de junio de 2012

Piden 5 anos de cadea para Antolín Alcántara e Víctor García, dirixentes sindicais da CIG



Antolin Alcántara (responsábel de Negociación Colectiva da CIG) e Víctor Garcia (anterior responsábel do Naval en Vigo e traballador do sector), enfróntanse a penas de cinco anos de cadea pola participación na folga do naval no ano 2007. O xuízo celébrase o próximo 7 de Xuño ás 09,30h en Vigo. Son os únicos procesados, de entre os doce que compoñían o Comité de Folga, 3 por cada sindicato (CIG, CCOO, UGT e CUT). É inexplicábel por tanto a petición da fiscalía e demostra que se trata dun xuízo político para parar o movemento obreiro representado polo sector do metal en Pontevedra. O compañeiro Antolín xa foi xulgado nestes días atrás cunha petición de catro anos de prisión, pola ocupación da estación marítima na folga do metal no ano 2009.
Naquela folga do ano 2007 que durou 18 días, esixíase o cumprimento do convenio na contratación de persoal fixo. Os empresarios dicían que cumprian o convenio, pero a raiz da folga tiveron que facer 3000 contratos fixos nun mes.
A xustiza e o poder político, a petición dos empresarios que reclamaron insistentemente una actuación penal, decidiron atacar na cabeza para dar exemplo, pero só á CIG. Non podían permitir que o metal en cada convenio loitara e fora mellorando de xeito significativo e mellor que ninguén as condicións de traballo. O metal de Pontevedra coa maioría da CIG dende o ano 1999 conseguiu nos dez anos seguintes pasar en salarios do posto 27º no Estado ao posto 4º.
O poder económico e político quere criminalizar o movemento obreiro. Veñen tempos difíciles co PP, que modifica o Código penal porque non quere contestación social que faga fronte á súa política de reformas e de desfeita dos dereitos, que só ataca os pobres, a clase traballadora. Fannos pagar a débeda dos bancos, pero non procesan os seus directivos que causaron a crise e saíron máis ricos do que entraron, nin os grandes empresarios que cometen fraude fiscal. Máis de 80 mil millóns de euros no ano 2010, recoñecido pola Inspección de Facenda, máis que toda a débeda do Estado, só nas grandes empresas.
Esta é a xustiza do sistema e temos que comprender que non teremos futuro nin o terán os nosos fillos e fillas, se non paramos esta guerra contra nós. Nós somos a gran maioría, os que creamos a riqueza, os que facemos que o mundo funcione e que poida ser mellor.
Xoves 7 de xuño
CONCENTRACIÓN
ás 9:30h nos xulgados de Vigo
SOLIDARIEDADE!

No hay comentarios:

Publicar un comentario