As últimas novas recibidas da poxa da interrumpibilidade non poden ser máis preocupantes.Segundo confirmou a dirección da empresa o resultado desa poxa foi que tanto a nosa planta como a de Avilés quedaron sen interrumpibilidade e San Cibrao conseguiu tres paquetes de 90 Mw de catro que necesitaba. Parece ser que que o goberno podería facer unha segunda poxa, xa que quedaron sen adxudicar 200 millóns de euros.
A cuestión é que prezo conseguiu San Cibrao, e que prezo conseguiría a planta da Coruña nesa segunda oportunidade. Parece claro que os tres paquetes de 90 que van para a Mariña foron os derradeiros da poxa e a un prezo inferior o desexable. Se hai unha repesca, entendemos que o prezo de saída non será superior ao conseguido na primeira, senón as outras empresas poderían alegar que as timaron.
A única certeza que temos é que este sistema de reparto da interrumpibilidade e a regulación de todo o sistema eléctrico forman un sistema demencial, que foi creado polo PP a finais dos anos noventa e conservado por todos os gobernos seguintes, e que o Ministro de Desindustria Soria está a enrevesalo aínda máis se cabe. O resultado desta última tolería era totalmente previsible. A ocorrencia de facer unha poxa ao revés, na que soamente hai un comprador e un montón de vendedores con necesidades moi diferentes, e sabendo por anticipado que había máis demanda que oferta, e dicir, que non había café para todos, que algúns ían pasar lambendo, facíanos temer o resultado que finalmente se deu.
Temos que exixir ao goberno que rectifique, porque desta forma vai destruír toda a gran industria, especialmente a nosa, que é a máis dependente dos custos enerxéticos e a máis prexudicada deste reparto. Ademais do aumento dos custos estaría a inseguridade permanente de non saber a que prezo van pagar a enerxía o ano seguinte, porque esta poxa repetirase todos os anos
E totalmente imposible facelo peor. Non existe no universo un goberno de calquera ideoloxía política que poda superar tamaña estupidez. Imposible.
Con este goberno imos de cu.
Soberanía enerxética xa!