O Consello Confederal da CIG vén de ratificar a decisión da
Executiva de convocar folga xeral para o 14 de novembro, coincidindo coa data
acordada noutros países da periferia europea, como Portugal, e a nivel estatal,
con CCOO e UGT. O Consello Confederal reitera a necesidade de continuar coa
mobilización social dada a dureza das políticas do PP e do seu carácter “profundamente
antisocial e antiobreiro”.
O secretario xeral da CIG, Suso
Seixo, explicou que “imos á folga xeral con todas as consecuencias, conscientes
de que as políticas que está a adoptar o PP requiren deste tipo de respostas” e
lembrou que a central sindical viña reclamando a necesidade desta convocatoria.
“Eramos partidarios de que fora xa no mes de setembro, coincidindo coa que se
convocaba en Euskadi, para responder ás medidas adoptadas polo goberno durante
os meses de verán. Políticas de recorte de dereitos moi duras que nos están a
levar a unha situación e a unhas condicións de precariedade e de empobrecemento
da poboación intolerábeis”. Iso non foi posíbel, subliñou,
porque a CCOO e UGT non lles parecía a data máis adecuada. Por iso a CIG avaliou
esta situación e acordou agardar, xa que, pola súa parte había o compromiso de
que se convocaría no mes de novembro a nivel de estado. “Consideramos que a resposta
tiña que ser o máis masiva posíbel, porque cantas máis organizacións sindicais
participen na convocatoria, máis posibilidades teremos de que a participación
sexa, a nivel cuantitativo, máis importante”. A central sindical valora moi
positivamente que CCOO e UGT acordaran sumarse á convocatoria de folga e mesmo
sindicatos de países da periferia de Europa, porque “estas medidas veñen decidas
desde o BCE e da Comisión Europea e o que está a facer o PP, na medida en que
coincide cos seus presupostos ideolóxicos, é levalas adiante con toda a dureza”.
A CIG considera que para 2013 empeorarán
aínda máis as condicións laborais e sociais e que se incrementarán as políticas
de axuste. “Parécenos máis necesario que nunca continuar con esta dinámica
mobilizadora e dar unha resposta con convocatorias de folga xeral as veces que
sexa necesario, para parar estas políticas e forzar aos gobernos a facer outras
distintas, que garantan que imos saír da crise, pero non de calquera maneira,
senón favorecendo os intereses da clase traballadora”, afirma Seixo. Respecto do impacto que puideran
ter os resultados electorais no éxito da convocatoria, o secretario xeral
sinala que moitos galegos e galegas “aspirabamos a que o PP perdera a maioría
absoluta na Xunta de Galiza e estou convencido de que moitos e moitas
entendiamos que o PP o único que está facendo é servir de correa de transmisión
do que marca o BCE e o vai seguir facendo con dramáticas consecuencias para o
noso país”, entre as que sinalou o deterioro do no noso tecido produtivo, da
rede de servizos sociais e mesmo a marcha que se está a producir de mozas e
mozos a outras partes de Europa. “Mozos e mozas cunha formación profesional e
académica importante que tiñan que estar aportando todo ese coñecemento ao
desenvolvemento económico e social do noso país”. Malia recoñecer o estado
xeralizado de decepción ante a revalidación da maioría absoluta, Seixo subliñou
que, en todo caso, os apoios que ten o PP andan arredor do 25% da poboación
galega, polo que considerou que “non pode
facer o que lle dea a gana”. Xunto a isto lembrou a perda de
miles de votos e o feito de que alí onde se lle deu unha maior contestación ás
políticas do PP, nas cidades e nas grandes vilas, esa perda de apoios foi aínda
maior. “Quere dicir que a política de contestación social que se está a facer
si está a incidir en certos sectores e na perda de votos, cando menos nos
sectores máis conscientes da sociedade galega”. Por iso, convidou a seguir
mobilizándose para tratar de chegar ao resto das galegas e galegos “moi influenciados
polos medios de comunicación, polo enorme poder institucional e caciquil, para
dicirlles que aquí votar ao PP é un suicidio para o noso pobo, que levará a
Galiza a unha calella sen saída, ao empobrecemento das clases populares e a
perda de dereitos laborais e sociais”.