miércoles, 17 de diciembre de 2014

A CIG promove concentracións o xoves 18 de decembro nas empresas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega



A central sindical defende a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata 
A CIG ten convocadas para este xoves, 18 de decembro, concentracións nas industrias galegas con grandes consumos enerxéticos en demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega que favoreza a continuidade do tecido industrial e o mantemento dos miles de empregos que xera. Unha reivindicación que a central nacionalista leva tempo defendendo e que hoxe está de primeirísima actualidade tras dos resultados das poxa de interrrumpibilidade, que algunhas destas empresas están a utilizar como escusa para xustificar a aplicación de EREs, modificacións das condicións laborais e mesmo peches de fábricas.

As concentracións realizaranse coincidindo cos cambios de quendas nos seguintes horarios e fábricas:

  • Ferroátlantica (Sabón e Cee): ás 13:45 horas.
  • Celsa Atlantic (A Laracha):  a partir das 13 horas.
  • Alcoa (A Coruña e San Cibrao): a partir das 13 horas.
  • SGL Carbón (A Coruña): súmase á protesta de Alcoa Inespal.
  • Megasa (Narón): ás 13 horas.

Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña que a CIG vén de pór en marcha para levar ao debate político e social a necesidade de contar cunha Tarifa Eléctrica Galega que nos permita obter unha enerxía máis barata. Por iso, alén das concentracións nas empresas que máis directamente afectadas poidan estar polo prezo da enerxía, a central sindical tamén promoverá posicionamentos das Corporacións locais e mobilizacións nos Concellos onde se asentan estas fábricas. Así, xa está acordada unha primeira xornada de concentracións para o día 16 de xaneiro, ás 19:00 horas, diante dos concellos nos que están as fábricas mencionadas.

A reivindicación dunha Tarifa Eléctrica Galega xa estaba presente na ILP de 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que a central nacionalista defendeu no Parlamento en abril deste ano, e a través da que se propoñía unha rebaixa nas peaxes do 30%. Unha iniciativa lexislativa popular que, hai que subliñar, foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Cómpre lembrar que a tarifa eléctrica soporta unha cantidade de extracustes que Galiza tamén ten que abonar, aínda sendo produtora e excedentaria de enerxía ano tras ano. É dicir, pagamos os custes da extrapeninsulariedade ou do  transporte, como calquera outro territorio non produtor, mais non obtemos ningún beneficio ou contraprestación. Somos solidarios no mantemento do sistema e a maiores cargamos con todo o custe social e medioambiental que deriva da especialización forzada que dende o estado se deseñou neste sector.

A demanda da CIG non é unha entelequia se hai vontade política. E así o demostra o pacto ao que chegou o PNV co goberno español para realizar unha modificación na definición da alta tensión, que podería supor unha rebaixa das peaxes do 50% en dous anos.



Por iso, a CIG demanda a apertura dun debate político e social sobre a necesidade de termos unha enerxía máis barata para o consumo doméstico, par defender a nosa cativa industria, para favorecer os nosos sectores produtivos básicos e porque non podemos consentir que se esquilmen os nosos recursos naturais, se leven os beneficios lonxe de Galiza e, ao tempo, se poñan impedimentos á nosa capacidade de producir. 

lunes, 1 de diciembre de 2014

Comunicado da dirección para o inicio do proceso de despido colectivo


Polo momento non nos deron mais datos,este proceso iniciouse conxuntamente ca planta de Avilés afectando a máis de 800 empregos directos.
Tamén a empresa manifestou que se durante este período se acadaba un resultado mellor coa celebración da anunciada segunda poxa (prevista para mediados de mes) ou outra oportunidade que se presente ,podería retomar a produción nas citadas plantas.
Pero que de calquera maneira de celebrarse a segunda poxa nas actuais condicións e non conseguisen o prezo desexado non se solucionaría o problema e continuarían adiante co proceso.
A reunión do comunicado para o Martes día 2 en Madrid cos comités das dúas plantas pospúxose, polo que sigue adiante a asemblea prevista para ese día en horarios de 10:30  horas e 17:30 horas, tal e como estaba anunciado,pregamos a maior asistencia debido a importancia do asunto a tratar.

martes, 25 de noviembre de 2014

O goberno de España quere afundir a industria pesada.

As últimas novas recibidas da poxa da interrumpibilidade non poden ser máis preocupantes.Segundo confirmou a dirección da empresa o resultado desa poxa foi que tanto a nosa planta como a de Avilés quedaron sen interrumpibilidade e San Cibrao conseguiu tres paquetes de 90 Mw de catro que necesitaba. Parece ser que  que o goberno podería facer unha segunda poxa, xa que quedaron sen adxudicar 200 millóns de euros.

A cuestión é que prezo conseguiu San Cibrao, e que prezo conseguiría a planta da Coruña nesa segunda oportunidade. Parece claro que os tres paquetes de 90 que van para a Mariña foron os derradeiros da poxa e a un prezo inferior o desexable. Se hai unha repesca, entendemos que o prezo de saída non será superior ao conseguido na primeira, senón as outras empresas poderían alegar que as timaron.

A única certeza que temos é que  este sistema de reparto da interrumpibilidade e a regulación de todo o sistema eléctrico forman un sistema demencial, que foi creado polo PP a finais dos anos noventa e conservado por todos os gobernos seguintes, e que o Ministro de Desindustria Soria está a enrevesalo aínda máis se cabe. O resultado desta última tolería era totalmente previsible. A ocorrencia de facer unha poxa ao revés, na que soamente hai un comprador e un montón de vendedores con necesidades moi diferentes, e sabendo por anticipado que había máis demanda que oferta,  e dicir, que non había café para todos, que algúns ían pasar lambendo, facíanos temer o resultado que finalmente se deu.

Temos que exixir ao goberno que rectifique, porque desta forma vai destruír toda a gran industria, especialmente a nosa, que é a máis dependente dos custos enerxéticos e a máis prexudicada deste reparto. Ademais do aumento dos custos estaría a inseguridade permanente de non saber a que prezo van pagar a enerxía o ano seguinte, porque esta poxa repetirase todos os anos


E totalmente imposible facelo peor. Non existe no universo un goberno de calquera ideoloxía política que  poda superar tamaña estupidez. Imposible.


Con este goberno imos de cu.

Soberanía enerxética xa!





martes, 23 de septiembre de 2014

Reforma das mutuas do goberno do PP


En pleno mes de xullo o PP puxo unha reforma da lei de mutuas que constitúe unha nova agresión os dereitos dos traballadores,afondando na privatización do sistema da seguridade social e da sanidade,primando unha vez mais os intereses económicos privados sobre os dereitos da clase traballadora, creando asi un novo negocio a conta da privatización da nosa saúde.




lunes, 22 de septiembre de 2014

Sentenza favorable ós traballadores no xuizo pola prima de resultados

Xa temos resolución do xuízo pola modificación da prima de resultados, e a xustiza neste caso dounos a razón a tódolos traballadores, polo tema de cambio de parámetros por parte da empresa para así poder reducir a contía a pagar a tódolos traballadores,o xuíz se basease nos seguintes puntos para darnos a razón:
  1. O parámetro de "marxe neto" foi incluído a finais de ano polo que os traballadores ata esa data no puideron influír nel, contradicindo o artigo 34 do convenio.
  2. Os resultados máximos que propoñía ese concepto eran inalcanzables a esas alturas de ano.
  3. Os conceptos nos que se basea o "marxe neto" tales coma o prezo da enerxía e das materias primas non son influenciables polos traballadores e ademais xa estaban incluídos en outros parámetros tales como os custos de conversión.
  4. O parámetro non é comprensible para os traballadores xa que a empresa non entregara nin sequera na data do xuízo, as contas da empresa de dito ano ós representantes dos traballadores a pesares de pedírllelas en varias ocasións.
Por todo elo a empresa esta obrigada a pagar a prima de resultados sen incluír o novo concepto, aínda que pode recorrer a sentenza.

martes, 9 de septiembre de 2014

Xuízo polo cambio de parámetros na prima de competitividade

Hoxe celebrouse o xuízo pola demanda interposta por todas as centrais sindicais presentes na nosa fábrica (agás APC) contra a empresa, pola modificación da prima de competitividade do ano 2013 e calculamos que antes de final de ano sairá sentencia sobre o mesmo,recordamos que a modificación a meteu a empresa a raíz do resultado do laudo sobre a inaplicación do convenio de ese ano, que non lle foi favorable ,obrigando a empresa a abonala tal como di o convenio, polo que decidiu incluír un novo parámetro denominado "marxe neto" para rebaixar a contía da prima ,un parámetro este, totalmente opaco ,que  descoñecemos como se calcula,xa que non nos dan ningún tipo de dato para poder calculalo nós mesmos, polo que aceptar a cifra que nos dan ,convertese nun acto de fe.
Este parámetro ademais está baseado sobre previsións que fan eles non se sabe moi ben como e non sobre contas reais,parámetro por outra banda no que non temos ningún tipo de influencia, xa que esta condicionado por factores externos o noso traballo,tales como prezo da enerxía, das materias primas,LME,paridade euro-dolar etc. contradicindo o espírito da prima reflectido no convenio (art.34) que é premiar a calidade e cantidade do traballo realizado polos traballadores o longo do ano con parámetros comprensibles por tódolos traballadores.